DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha lectura de poemas e a colocación dun taboleiro con algún dos seus versos

Filoloxía e Tradución súmase á celebración do Día de Rosalía

O decano José Montero elixiu o poema ‘Adeus ríos, adeus fontes’ de ‘Cantares Gallegos’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI 23/02/2022

Galicia celebra hoxe, 23 de febreiro, o Día de Rosalía con actividades salpicadas por todos os recunchos da súa xeografía, tamén na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde os versos da autora volveron soar con forza na voz das alumnas e alumnos, o persoal docente e investigador e tamén o persoal de administración e servizos do centro. 

Moitas e moitos optaron por escribir os seus versos favoritos nun taboleiro colocado no vestíbulo central da facultade, escritos en distintos idiomas, e, outros, preferiron participar na lectura de poemas, un recital que abriu o decano, José Montero Reguera, que elixiu o poema máis coñecido da autora,  Adeus ríos, adeus fontes do libro Cantares Gallegos, o poemario publicado na cidade de Vigo no ano 1863. “É un texto que empreguei moitas veces nas miñas clases para explicar La Celestina, de Fernando Rojas, e algúns textos de Cervantes nos que hai este mesmo tipo de despedidas, onde se repite varias veces o termo ‘adeus’, unha tradición moi longa que mestura o popular, con múltiples refráns con esta temática, co culto, atopándose tamén, por exemplo, nun dos poemas máis coñecidos de Garcislaso de la Vega”, explicou o decano.

O alumnado elixiu varios poemas de Cantares Gallegos e Follas Novas, un libro polo que tamén se decantou a profesora Iolanda Galanes, que leu os catro versos iniciais desta obra, “xa que os considero bo exemplo da parte máis reivindicativa de Rosalía de Castro, que expresan moi ben o innovadora e o subversiva que foi a súa poesía”:  D’aquelas que cantan as pombas y as frores/ Todos din que teñen alma de muller,/Pois eu que n’as canto,/ Vire d’a Paloma, [...]