DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Detrás deste éxito sitúanse varios factores clave, sobre todo, o idioma

A forte presenza nos mercados latinoamericanos “fai grande” a industria editorial española

María Fernández explicou como se forxou o triunfo internacional destas empresas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
D. Besadío DUVI 22/05/2019

O sector editorial español é líder a nivel internacional. Na actualidade ocupa o terceiro posto na clasificación mundial, tanto si se toma como indicador o número de títulos novos por cada millón de habitantes, como si se consideran as cifras de exportacións. Se a estes feitos unimos cuestións como a falla de liderado noutros sectores industriais e o mediocre nivel educativo e cultural do país durante case todo o século XX, sobre todo en relación a outros países europeos... Como é posible que España ocupe un posto tan relevante no ranking internacional de potenciais editoriais? Como se foi capaz de forxar todo este tecido empresarial? Estas foron as dúas grandes preguntas as que este mércores tratou de responder no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución a experta en Historia Económica e profesora do Colegio Universitario de Estudios Financieiros da Universidad Complutense de Madrid María Fernández Moya na súa conferencia O mercado exterior do sector editorial español, unha intervención na que defendeu con firmeza que a forte presenza nos mercados latinoamericanos é o que “fai grande” a industrial editorial española.

Fernández Moya visitou a facultade convidada polo grupo de investigación Bitraga (integrado en Bifega) e Culturfil, un proxecto de investigación liderado desde a Universidade de Santiago de Compostela e no que participan as investigadoras da Universidade de Vigo Ana Luna, Yolanda Galanes, Áurea Fernández e Silvia Montero, que foi a encargada de presentar a poñente e destacar o “sumo interese” destas temáticas para o mundo da tradución.

Factores clave: o idioma e as redes sociais 

Ao longo da súa intervención, a investigadora madrileña, especializada no sector editorial e a internacionalización da empresa española no longo prazo, tentou explicar os principais motivos que levaron a industria editorial española a ser líder a nivel internacional, recalcando sempre o feito de que esa condición de liderado se basea nos mercados exteriores. “A perspectiva histórica é a que permite entender perfectamente que España sexa na actualidade unha das dez potencias editoriais mundiais, unha posición líder que mantén desde finais do século XIX”, recalcou a experta.

Segundo se explicou na charla, detrás deste éxito editorial sitúanse varios factores clave, entre eles, o idioma español, que no século XIX abriu moitas portas en América Latina para exportar libros, e as redes socias, no sentido de que os emigrantes españois fixeron de embaixadores culturais das editoriais españolas, un labor no que tamén contaron coa axuda dos libreiros. Nesta liña, a investigadora explicou como anos máis tarde, metidos xa de cheo no franquismo, as persoas exiliadas republicanas tamén serviron de enlaces entre as editoriais españolas e os mercados latinoamericanos.


Expórtanse libros a América Latina e fascículos a Europa

De entre todas as empresas do sector editorial español destacou as dúas firmas que lideran este sector: Planeta e Santillana, que ocupan o posto 8 e 26 na listaxe de multinacionais do sector editorial. “Estas empresas son tan grandes e teñen tanta importancia a nivel internacional debido, sobre todo, á súa presenza en América Latina, que é o que lles dá un enorme volume de negocio que sería imposible de conseguir sen este mercado”, recalcou Fernández Moya, ao que engadiu que son empresas que souberon sacar vantaxe de toda esa experiencia histórica das editoriais españolas.

Con respecto á realidade actual do sector editorial español, a investigadora apuntou que existen, sobre todo, dous grandes mercados de exportación: libros a América Latina e fascículos a Europa. “Hai unha diferenciación de produto e tamén de mercado”, recalcou a experta, ao que engadiu que o sector está moi concentrado.  “Son as grandes editoriais as que reteñen a maior parte do negocio e as pequenas dedícanse, máis que nada, a nichos de mercado”. Con respecto ao tipo de libros que se exportan desde España, a investigadora admite que “hai un pouco de todo” e, se ben a gran partida son libros xeralistas, os catálogos adáptanse dependendo do país.