DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras obter o apoio do 85% dos votos emitidos na Xunta de Facultade do centro

Francisco Torres renova o cargo como decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Sitúa como liñas prioritarias do programa de goberno o incremento da visibilización e a captación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D Besadío DUVI 15/11/2022

O profesor Francisco Torres, membro do grupo de investigación en Dereito Mercantil e do Traballo e especialista en Dereito Marítimo, renovou este martes o cargo como decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo “orgulloso por representar a este centro” e “disposto a traballar arreo para seguir mellorando”. Así o declarou tras coñecer os resultados dunhas votacións nas que acadou o apoio do 85% dos votos emitidos na Xunta de Facultade (36 votos a favor, 3 en contra e 3 en branco).

No cargo desde novembro de 2019, ao reelixido decano acompañarano no equipo directivo da facultade os docentes Pablo Riquelme, da Área de Dereito Constitucional, como secretario académico do centro; María Antonia Arias, da Área de Dereito Administrativo, como vicedecana de Dereito e coordinadora deste grao; María Belén Fernández Docampo, da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, como vicedecana de Relacións Laborais e Recursos Humanos e coordinadora do grao; José Carlos Orge Míguez, da Área de Economía Financeira e Contabilidade, como vicedecano de Asuntos Xerais e Alumnado e coordinador do Programa de Simultaneidade ADE-Dereito, e Regina Ibáñez, da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, como vicedecana de Calidade e Innovación. 

Trátase dun equipo sen apenas cambios con respecto ao primeiro mandato e a eles referiuse o novo decano como o seu “verdadeiro apoio en momentos complexos”, incluíndo no seu agradecemento aos profesores Lidia Noriega e Xosé Manuel Pacho, que formaron parte da dirección durante o último trienio e, no caso de Pacho, que seguirá vinculado ao equipo directivo como coordinador de Normalización Lingüística do centro e co-coordinador, xunto coa profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, da Aula de Formación Legal.

Catro bloques temáticos e 29 medidas de goberno

Durante o seu discurso ante os integrantes da Xunta de Facultade Torres salientou que o seu programa de goberno para os vindeiros tres anos se divide en catro grandes bloques que coinciden, “en esencia”, coas competencias de cada un dos vicedecanatos. Son en total 29 medidas que se vertebran en torno a dúas liñas consideradas estratéxicas: a visibilización das actividades que se levan a cabo no centro e dos éxitos acadados polo seu persoal e a captación de alumnado.

Posible creación dunha Cátedra de Dereito da Empresa

No bloque de Organización académica e titulacións o novo equipo directivo comprometeuse, entre outros aspectos, a crear unha comisión que traballe na reorganización dos horarios de cara a poder implementar a nova proposta o vindeiro curso. No caso do Bloque de Normativa e transferencia de resultados da investigación Torres adiantou medidas como o impulso a unha Cátedra de Dereito da Empresa en colaboración con despachos, asesorías e empresas especializadas en recursos humanos co obxectivo de financiar e organizar novas actividades.

Fomento da investigación xurídica en galego e reforzo das  políticas de igualdade

De igual modo, xa no bloque Alumnado e infraestruturas, o reelixido decano fixo referencia a que nesta nova etapa se intentará “potenciar e consolidar” a Aula de Formación Legal,  “un espazo dirixido a toda a comunidade universitaria no que se impartirán cursos relacionados coas titulacións impartidas no centro e con competencias transversais”, salientou Torres. Nesta liña tamén adiantou que se manterán os Premios de investigación xurídica en galego e se reforzarán as políticas de igualdade e as Xornadas de Portas Abertas.

Desde o novo decanato queren igualmente fortalecer o plan de promoción do centro e dos canles de comunicación entre profesorado, alumnado e o persoal de administración e servizos, o que constituirá o eixe central do cuarto bloque, centrado neste caso nos temas de calidade.

A maiores, o decano rematou a súa intervención reiterando o seu “sincero agradecemento” ao traballo, dedicación e responsabilidade demostrada durante os tres últimos anos ao profesorado, persoal de administración e de servizos, alumnado e ao persoal das concesionarias de limpeza e cafetaría do centro.