DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O resultado da segunda volta das votacións foi 46 votos en contra e 42 a favor

Jorge Falagán perde as eleccións ao decanato da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

O reitor nomeará agora un decano en funcións e fixarase o prazo para uns novos comicios

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
DUVI 03/11/2021

O profesor Jorge Falagán perdeu este mércores as eleccións ao decanato da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ao non acadar o respaldo necesario nuns comicios nos que se presentaba como único candidato. O resultado inicial das votacións foi de 46 votos a favor, 42 en contra e 6 abstencións, polo que, ao non obter a maioría absoluta dos votos das persoas asistentes, houbo que ir a unha segunda volta na que o resultado foi de 42 votos a favor e 46 en contra. Ante estes resultados o reitor nomeará agora un decano en funcións co obxectivo de convocar unhas novas eleccións nun período máximo de seis meses.

O ata hoxe decano atópase nestes intres de baixa médica, polo que non puido asistir presencialmente á xunta de facultade, senón que o fixo de xeito telemático e, unha vez coñecidos os resultados, manifestou que o traspaso de poderes se fará o antes posible. Xunto a el, formaban parte da súa candidatura o mesmo equipo co que finalizou o seu mandato e para quen tivo numerosas palabras de agradecemento: Ana Esther Castro, como vicedecana de Calidade e Coordinación; Pedro Lorenzo, de Organización Académica; Leticia Lorenzo, de Relacións Institucionais; María Gómez, de Relacións Internacionais, e Ana Esther Castro, como secretaria. 

Tres anos á fronte da facultade

Falagán accedera ao cargo en outubro de 2018 e, previamente, exercera como coordinador do dobre grao de ADE-Dereito. Intres antes da celebración das votacións referiuse a estes tres anos como un período “moi intenso”, tanto por todo o que supuxo a xestión da pandemia, como pola cantidade de proxectos que o seu equipo puxo en marcha, entre os que destacou, a creación do Foro de Empleo, a organización de ciclos de conferencias “con poñentes de primeirísimo nivel”, a celebración do 30 aniversario da facultade ou os actos de graduación ao aire libre, “un formato novidoso que foi moi ben recibido pero que tivo unha gran complexidade na súa organización”.