DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras conseguir o apoio de máis do 90% dos votos emitidos nas eleccións celebradas este mércores

Mercedes Gallardo manterase outros tres anos á fronte da Facultade de Bioloxía

A nova decana salienta como prioritario a elaboración dun plan estratéxico do centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 15/02/2023

A profesora da Área de Fisioloxía Vexetal, Mercedes Gallardo, manterase outros tres anos á fronte da Facultade de Bioloxía tras acadar o apoio de máis do 90% dos votos emitidos nas eleccións celebradas no centro este mércores e ás que acudía como única candidata. A Xunta de Facultade tivo lugar no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais e a ela asistiron 47 persoas, rexistrándose 43 votos a favor, 3 en contra e un voto en branco.

“Moi satisfeita” cos resultados acadados, Gallardo subliñou que renova o cargo “cunha candidatura de continuidade, pero coa visión de tratar de responder da mellor maneira ás necesidades da facultade”. Neste senso, indicou que basicamente tratará de manter a xestión do decanato “da maneira máis eficaz posible e traballando sempre polo futuro do noso centro”.

Equipo de continuidade

Completan o equipo directivo os vicedecanos Jesús Míguez, María Fuencisla Mariño e Juan Pérez, e o secretario Emilio Gil. No caso de Míguez seguirá levando os temas de Calidade, se ben apoiará tamén en cuestións relativas á planificación e estratexia das titulacións e ao seguimento das infraestruturas, mentres que Fuencisla Mariño continuará coa área de apoio e atención ao alumnado e colaborando de forma activa na organización das actividades docentes (horarios, coordinación de actividades, etc.).  A renovación chega da man do vicedecanato de Internacionalización e Prácticas Externas, do que se fai cargo Juan Pérez, investigador Ramón y Cajal do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, que substitúe no cargo ao profesor Manuel Ángel Pombal, para quen Gallardo tivo palabras de agradecemento “polo fantástico traballo desenvolvido neste período tanto na xestión das prácticas externas como na mobilidade de estudantes, temas que conlevan moitas horas de dedicación e innumerables quebradeiros de cabeza”.

Tarefas a abordar

Respecto das tarefas que terá que abordar o novo equipo decanal nos vindeiros tres anos, Gallardo subliñou que no relativo ás titulacións, desde o seu punto de vista non é o momento de expor grandes cambios, aínda que as actuais están pendentes da adaptación ás esixencias do novo Real Decreto, o que implicará a adscrición da titulación a un ámbito de coñecemento distinto do actual e, en consecuencia, haberá que reaxustar as materias das mencións que o centro ten en marcha. “Esperemos que sexan procesos levadíos e non demasiado complexos”, subliñou a decana.

En canto aos mestrados, os responsables da facultade seguirán demandando melloras nos medios de apoio á docencia interuniversitaria, “como pode ser o desenvolvemento dunha plataforma docente e dun sistema de xestión de guías docentes para as universidades do Sistema Universitario Galego”.  Por outra banda, referiuse como “vital para a facultade” manter de forma activa as accións de captación de alumnado e de difusión das titulacións, subliñando neste senso que “non se pode perder de vista as múltiples titulacións que existen en Galicia no ámbito do que agora se denomina biociencias, o que a medio prazo podería repercutir na demanda do Grao en Bioloxía, que é a titulación básica da facultade”, recalcou a responsable do centro. En relación coa estratexia e a política de calidade referiuse á importancia de manter a acreditación institucional para evitar renovacións individuais de cada titulación, “algo que sempre é bastante tedioso”.  

Entre as tarefas máis inminentes Gallardo explicou que este ano deben sacar adiante un plan estratéxico da facultade, de forma coordinada coa propia universidade. Segundo expuxo, este plan debe prestar especial atención á proxección externa da facultade, incidindo na internacionalización e tamén na intensificación das accións de interacción coas entidades externas, tanto de investigación como do sector empresarial. Dentro do marco deste plan Gallardo abriu a porta á posibilidade de iniciar unha “reflexión a medio prazo” sobre a viabilidade de pór en marcha un dobre grao con outras titulacións afíns, “sempre e cando vexamos encaixe nas nosas posibilidade, sobre todo na organización de actividades docentes”. A maiores fixo tamén mención a que lle gustaría darlle un novo pulo ás actividades relacionadas coa perspectiva de xénero, tanto ás que xa se están realizando no centro como a outras que poidan ir xurdindo.