DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un dos estudos recollidos nun monográfico da Revista de Investigación en Educación

As nais seguen asumindo en maior medida as tarefas cotiás asociadas á crianza

A publicación reúne un conxunto de estudos sobre parentalidade positiva

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 20/07/2023

Que pais, nais e proxenitores se centren nas necesidades e dereitos dos seus fillos e fillas e en proporcionarlles un fogar saudable e acolledor ten un impacto positivo no seu benestar, á vez que unha parentalidade irresponsable pode producir problemas emocionais e de conduta nos nenos e nenas. Afondar nos efectos da parentalidade positiva e nas diferentes liñas de investigación que poñen o foco nesta cuestión é o obxectivo do número monográfico que dedica a esta temática a Revista de Investigación en Educación. Coordinado pola catedrática da UVigo Francisca Fariña e a investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Dolores Seijo, este volume reúne unha serie de estudos sobre parentalidade. Entre eles, un realizado por investigadoras das universidades de Vigo, Santiago e Oviedo que mostra como as nais seguen asumindo en maior medida que os pais “a responsabilidade das tarefas cotiás que require o coidado e atención dun fillo ou filla”, explica Fariña.

“A parentalidade positiva é o exercicio da parentalidade centrada nas necesidades e os dereitos dos fillos e fillas, na que se lles protexe e educa sen que exista violencia no fogar e se lles ofrecen ferramentas para xestionar os conflitos e as controversias de maneira colaborativa e positiva”, explica Fariña da temática á que a revista científica da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dedica neste 2023 un número extraordinario. Dirixida a dar visibilidade ás investigacións e innovacións que, desde un enfoque interdisciplinar, poñen o foco na educación, “a relevancia do tema a nivel social e a necesidade de evidencia científica sobre o mesmo” foi o que motivou, como sinala o seu editor xefe, Alberto Pazo, este volume monográfico. “Buscamos mostrar o rigor científico co que se está traballando en diferentes contextos a parentalidade positiva, utilizando diferentes metodoloxías”, engade Fariña dunha publicación que reúne as achegas de investigadores e investigadoras de seis universidades españolas e unha estadounidense. O número, engade Pazo Labrador, “conta coa participación de recoñecidos especialistas e estudosos do tema, o que axuda, sen dúbida, a expandir a proxección” dunha revista que recentemente recibía por primeira vez factor de impacto no índice JCR (Journal Citation Reports), á vez que permite pór o foco nun “tema de actualidade”, engade.   

Diferente implicación nas actividades cotiás

Realizado por Fariña e Seijo, xunto a Paula Fernández, da Universidad de Oviedo, e Verónica Sánchez, da UVigo, un dos artigos deste monográfico presenta os resultados dun estudo realizado con 2169 nais e pais e centrado en coñecer se existen diferencias de sexo no exercicio da parentalidade. Os resultados, explica Fariña, poñen de relevo que “as nais seguen cargando en maior medida que os pais coa responsabilidade das tarefas cotiás” vinculadas ao coidado das e dos menores, “con independencia da formación” que teñan os seus proxenitores e de se estes conviven ou están separados. “Este feito, aínda que coñecido, non deixa de sorprendernos”, recoñece a catedrática do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, que incide en que se ben os proxenitores varóns “están máis implicados que antano”, estano tamén “en maior medida en actividades que non requiren de dedicación diaria”. 

Nese senso, na investigación atopáronse “diferencias estatisticamente significativas en seis tarefas cotiás”, que en todos os casos eran asumidas en maior medida polas nais, como son preparar o almorzo, a merenda e a cea aos fillos e fillas, deitalos, levantarse pola noite canto están enfermos e levalos ao pediatra. Pola contra, aquelas tarefas fóra do fogar e relacionadas coa educación ou a saúde física dos menores son realizadas por nais e pais na mesma medida, segundo recolle o estudo. “Nesta investigación demostrouse que as tarefas que as nais realizan con maior frecuencia son as que requiren de máis dedicación diaria e de máis esforzo”, sinalan as autoras deste estudo. Estas desigualdades, engaden, víronse tamén reflectidas no feito de que o cuestionario, remitido aos proxenitores a través de 73 colexios galegos, fose respondido en máis do 80% dos casos polas nais. De aí que poñan o foco na urxencia dun labor de concienciación orientado a promover a “máxima corresponsabilidade no coidado e educación”, como destaca Fariña, que incide ao mesmo tempo na necesidade de reflexionar sobre “se está realidade débese exclusivamente a que os varóns non queren implicarse máis ou se tamén incide o feito de que as nais tamén queiran seguir mantendo o control dese ámbito parental, a causa da socialización á que estivemos sometidas ás mulleres”. 

Parentalidades positivas e parentalidades irresponsables

Como subliña Fariña, o exercicio dunha parentalidade positiva ten “un impacto positivo duradeiro no funcionamento social, emocional e cognitivo dos fillos e fillas”. Mais, ao mesmo tempo, tamén existen “moitas maneiras de exercer unha parentalidade irresponsable”, que poden ter tamén consecuencias duradeiras nas e nos menores. A día de hoxe, engade, “posiblemente o maior problema vén do escaso tempo que os proxenitores dedican ou poden dedicar aos seus fillos e que suplen con excesivas recompensas e con falta de normas e de supervisión”.  

Neste marco, as investigadoras da Universidade de Oviedo Carmen Rodríguez, Susana Torío e María Elena Rivoir presentan neste monográfico os resultados dunha investigación sobre a estrutura parental, na que participaron preto de 2400 proxenitores; mentres que David Posada, da Consellería de Educación, e Silvia López, da Universidade da Coruña, analizan o impacto en adolescentes dun “comportamento parental diferencial” entre parellas de irmáns. 

Por outra banda, un estudo asinado por Fariña e Seijo xunto ás investigadoras da USC Mercedes Novo e Bárbara Castro avalía os efectos do programa educativo de apoio ás familias inmersas en procesos de separación Ruptura de Pareja, no de Familia, constatando a eficacia deste tipo de accións á hora de promover un “exercicio responsable da parentalidade”. Neste punto, Fariña lembra que o “conflito interparental” que pode darse nestes procesos “pode causar danos severos a proxenitores e fillos e fillas, con efectos que poden perdurar na etapa adulta”.  

O monográfico recolle tamén un artigo sobre os beneficios dun programa psicoeducativo para proxenitores e familias participantes en procesos de acollemento realizado por Lucía González e Isabel Bernedo, da Universidad de Málaga; así como un estudo de Sonia Byrne e Miriam Álvarez, da Universidad de La Laguna, e Sonia Padilla, da asociación Hestia, sobre familias con fillos e fillas con trastorno do espectro autista. Por último, esta publicación incorpora tamén un estudo de Carrie J. Petrucci, da Alliant International University de California, sobre o programa de parentalidade para pais e nais en prisión Dads Back! Academy, que se desenvolve na cidade de Los Ángeles.