DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A biblioteca de Torrecedeira propón cada mes un libro para facer unha reflexión crítica

Unha nova achega de ‘reseñas’ pon o foco na era dixital

A obra proposta é 'El filtro burbuja, cómo la red decide lo que leemos y lo que pensamos'

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 13/12/2018

Este mes o libro escollido en reseñas, actividade da biblioteca universitaria de Torrecedeira que pretende estimular a curiosidade e a inquietude pola lectura e a actualidade, é El filtro burbuja, cómo la red decide lo que leemos y lo que pensamos (Taurus, 2017). Esta obra escrita por Eli Pariser, un coñecido ciberactivista, comentarista e articulista estadounidense, comeza coa explicación dos cambios no algoritmo de Google no 2009, cando o buscador empezou a personalizar os seus resultados para cada usuario.

Neste contexto, o autor acuña no libro o termo ‘filtro burbulla’ como o resultado das pescudas personalizadas en internet. Nestas buscas, o algoritmo dunha páxina web selecciona, a través de predileccións, a información que ao usuario lle gustaría ver tendo en conta información persoal como a localización ou o historial de pescudas e, como resultado, os usuarios comezan a afastarse da información que non coincide cos seus puntos de vista, illándoos en burbullas ideolóxicas e culturais propias do usuario. Tras a lectura desta obra, o técnico especialista da Biblioteca de Torrecedeira, Aser Fernández Rey, afirma “Pariser cre que debemos esixir ás empresas que nos permitan exercer un verdadeiro control sobre a nosa información persoal e que a forza da lei ou a creación de novos organismos poden e deben protexer tanto a información persoal como os nosos dereitos”.

Como a rede decide o que a sociedade le e pensa

Ao abeiro desta nova edición de reseñas, a biblioteca organizou tamén unha exposición, O poder da información. Os datos son o petróleo do século XXI, na que se presenta unha selección multidisciplinar de máis de 40 volumes das distintas bibliotecas da Universidade de Vigo que abordaban temas directamente relacionados coa actualidade e co libro de Eli Pariser. 

O recuncho de reseñas conta con expositores e instalacións explicativas nas que se poden ver libros, imaxes de actualidade, pancartas... relacionados coa temática do mes “para ambientar o lugar e chamar a atención de toda a comunidade universitaria, xa que é unha biblioteca moi concorrida por estudantes de diferentes titulacións”, afirma Fernández Rey. Neste sentido, dende a biblioteca salientan que a exposición previa tivo unha gran acollida, “a xente colleu tal cantidade de libros que tivemos que facer préstamos dos volumes da propia exposición”, explica o especialista do centro.

Ademais deste espazo físico, a biblioteca promove tamén numerosas actividades en diferentes redes sociais como Twitter e Instagram. Os encargados da promoción da biblioteca nas redes sociais así como da organización desta actividade son os propios traballadores da biblioteca e o seu obxectivo non é outro ca “estimular a curiosidade e a inquietude pola actualidade, a investigación e a cultura a través dos libros”, apunta o bibliotecario. 

Novos títulos para 2019 

reseñas.3 continuará en 2019. Para o mes de xaneiro está prevista a obra En defensa de la conversación: el poder de la conversación en la era digital, un estudo sobre as inquietantes consecuencias da cultura dixital en diferentes aspectos da vida como a educación, a contorna profesional, as relacións sentimentais ou a política. No mes de febreiro o título escollido é Instrumental, as memorias do propio escritor, James Rhodes, que viron a luz no Reino Unido tras levantar o veto que pesaba sobre a obra, todo un tributo ao poder terapéutico da música e que aborda cuestións sobre como funciona a música clásica e o seu poder para cambiar as vidas. Co gallo do día da muller, en marzo proporase o volume Una interpretación feminista del capitalismo patrimonial, de Heather Boushey dentro do volume Debatiendo con Piketty. La agenda para la economía y la desigualdad.