DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor JC Caamaño propón a lectura da biografía do enxeñeiro francés

Unha nova edición de Reseñas pon o foco no inventor do formigón pretensado, Eugène Freyssinet

O libro recomendado está escrito por José Antonio Fernández-Ordóñez

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
M. Del Río DUVI 03/02/2022

Fronte ao que moita xente cre, o formigón non é un material de construción moderno. O seu uso xa era habitual no Imperio Romano hai 2000 anos e foi empregado, por exemplo, nos muros interiores do Coliseo ou do Panteón. Durante a Idade Media caeu en desuso e non foi ata pasados varios séculos, durante a industrialización, cando se volveu xeneralizar. Unha das principais claves da recuperación deste material foi a invención do formigón pretensado, en 1928, por parte de Eugène Freyssinet. O avance deste enxeñeiro francés supuxo un gran salto no uso de formigón en elementos de grandes dimensións e conseguiu a utilización industrial masiva desta técnica.

A biografía máis detallada deste persoeiro foi escrita e publicada en 1978 polo tamén enxeñeiro, ademais de humanista e profesor, José Antonio Fernández-Ordóñez. Precisamente, esta é a obra recomendada por reseñas24, a iniciativa de fomento la lectura organizada polo persoal da biblioteca de Torrecedeira. O encargado da selección deste libro como proposta para os meses de febreiro e marzo é José Carlos Caamaño Martínez, profesor do Departamento Enxeñaría dos materiais, mecánica aplicada e construción da UVigo. O docente achega unha recensión sobre este volume, que foi descatalogado pouco tempo despois da súa publicación, e acabou por converterse nun obxectivo de coleccionista, un libro de culto para moitos enxeñeiros. Explica que tras moitos anos sen que existisen exemplares deste libro á venda, a historia o “deu un xiro inesperado no ano 2021”, cando apareceron nun faiado da familia Fernández-Ordóñez “unhas caixas con orixinais correspondentes a aquela única edición de 1978. A familia do autor, falecido no ano 2000, tivo a xenerosidade de poñelos ó acceso dos interesados”. Fíxoo a través da editorial e cun prezo accesible, e non como os obxectos de coleccionista que eran en realidade.

Unha idea que ía revolucionar a arte da construción

Na recensión de Caamaño sobre o libro de Fernández-Ordóñez repasa a evolución histórica do uso do formigón e de todas as súas variantes, así como o impacto que tivo o formigón pretensado no avance da construción tanto a nivel mundial como en España. “Esta técnica permite construír estruturas que cobren grandes distancias entre apoios, como poden ser: pontes en canles de ríos caudalosos, grandes vales en paisaxes montañosos, ou amplas distancias en vías que salvan accidentes costeiros mariños. Amais, o pretensado mellora con elegancia solucións a problemas de grandes cubertas, conseguindo aumentar a separación entre pilares intermedios. Tamén resulta útil no caso de depósitos nos que debe garantirse a súa estanquidade, evitando o risco de fugas por fisuras no formigón”.

Cando en 1928 Freyssinet rexistrou a patente de formigón pretensado, tiña claro que “ía revolucionar a arte da construción” e, como explica Caamaño ,“arriscou o seu prestixio, carreira e fortuna, embarcándose na creación dunha compañía dedicada a aplicar o seu invento. Nos seus proxectos Freyssinet poñía a intuición enxeñeril por diante de grandes deducións matemáticas, nunha época na que os modelos de comportamento do material aínda non eran ben coñecidos. Empregou con mestría encofrados modulares en obras como os senlleiros hangares de dirixibles do aeroporto de Orly que permitían un rápido avance nas tarefas de construción, e por outro lado gañar rixidez grazas á súa forma de lámina pregada. Tiña interiorizado que desperdiciar material era traizoar os seus principios. Estaba dotado dunha alta consideración pola misión social dun construtor, do que entendía que depende en gran medida a prosperidade ou decadencia, a felicidade ou infelicidade da comunidade para a que traballa”.