DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A identificación de árbores é o eixe dun dos talleres de Extensión Universitaria do campus

Un obradoiro no que percorrer e coñecer os bosques

Combina as clases na EE Forestal con saídas de campo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Pontevedra 09/05/2023

Aprender a identificar as principais especies arbóreas e afondar nos seus usos alimenticios, medicinais, forestais e ornamentais é o obxectivo central do obradoiro Descubrindo as árbores, inserido na programación de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus para este cuadrimestre. Aberto a toda a cidadanía, este taller desenvólvese desde o mes de marzo, combinando o achegamento teórico e práctico ás especies máis representativas de Galicia, a través tanto de sesións na Escola de Enxeñaría Forestal como de saídas de campo, que nestes días levan ás e aos participantes ao Pazo de Lourizán ou ao lago Castiñeiras. 

Impartido por Paula Estévez, Gabriel Pérez e Adrián Melón, do Laboratorio de Micoloxía da UVigo, trátase da primeira vez que este obradoiro se desenvolve no campus pontevedrés, reunindo maioritariamente como alumnado a persoas alleas á comunidade universitaria. “O obradoiro ten unha finalidade esencialmente práctica. Pensamos que a forma máis natural de que a xente aprenda a coñecer as árbores da súa contorna é que poida observalas ao vivo, para así asimilar de xeito efectivo cales son as características que diferencian a cada especie”, sinala Melón. 

Da aula ao bosque

Con ese obxectivo, os percorridos polos bosques víronse precedidos dun achegamento a unha serie de “conceptos básicos”, necesarios “para poder aproveitar ao máximo a experiencia de campo”, salienta Melón. Nese senso, explica, o método empregado para iniciar aos e ás participantes na identificación de árbores “é o mesmo que se emprega para determinar a meirande parte dos seres vivos, que son as claves dicotómicas”, que este biólogo presenta como “unha especie de xogo de preguntas baseado nas características das especies”. Ao mesmo tempo, o curso propón tamén un achegamento a algunhas das diferentes aplicacións existentes hoxe en día para a identificación dos tipos de árbores, coa idea de que “aprendan a empregalas de xeito adecuado”.

Alén destas nocións previas ao traballo de campo, as sesións desenvolvidas na EE Forestal permitiron tamén afondar nos usos das diferentes especies. Nese senso, a actividade detívose tanto en árbores con propiedades medicinais, como o sabugueiro, “moi común no rural galego”, como nas posibilidades ornamentais de exemplares como as camelias, á vez que abordou tamén diferentes “especies cun interese forestal” e casos como o do eucalipto, “sobre todo polo polémico da súa introdución no noso medio natural”, sinala Melón. 

Por outra, banda, outra da cuestións abordadas, tanto de xeito teórico como a través das saídas de campo, foron as implicacións das especies invasoras. “Moitas veces non somos conscientes da profundidade da súa problemática”, recoñece Melón, que lembra que este tipo de especies “afectan de formas moi variadas ao noso medio natural”, desde a xeración de “substancias alelopáticas que impiden que outras plantas medren”, ata unha “expansión descontrolada” que “afoga o resto da biodiversidade”.