DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A biblioteca da EE de Telecomunicación habilita un espazo para intercambiar lecturas

Organizar a casa, si; tirar a literatura ao lixo, non

A iniciativa pretende dar unha segunda vida aos libros que sobran nos fogares

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
Ana Proupín DUVI 24/01/2019

O método de ordenación KonMari está a revolucionar as casas e as vidas de moitas persoas en todo o mundo. Unha das premisas que enuncia a súa autora, Marie Kondo, é conservar libros que inspiren felicidade e desfacerse dos restantes para deixar espazo nos fogares. Para aproveitalos e darlles unha segunda vida, a biblioteca da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación habilitou un recuncho onde depositar todos eses exemplares que sobran atendendo a este xeito minimalista de ordenar. O obxectivo é contribuír a que a xente gañe espazo nas súas vivendas pero conserve a cultura, como explica a técnica especialista de biblioteca Tina Parcero, que foi quen propuxo a creación de Libros Libres, unha mesa de depósito e intercambio de exemplares de lectura. Esta idea xurdiu hai seis meses e agora emerxe como unha oportunidade para darlle unha segunda vida a todos eses libros que o método xaponés anima a quitar da casa. 

A idea xurdiu hai seis meses como unha oportunidade para darlle unha segunda vida a todos eses volumes que o método xaponés anima a quitar da casa. As publicacións, dispoñibles nun recuncho da sala de lectura, poden collerse para ler e devolver ou ben quedar con eles. A organizadora desta actividade explica que se admiten “tanto libros como manuais, xa que o que se busca é manter esta iniciativa todo o posible, pero preferimos fomentar lectura de lecer, non tanto de estudo”.

Ordenar a casa como escusa para fomentar a lectura

A idea de deixar uns volumes e coller outros comezou con doazóns tanto da Biblioteca Universitaria como de particulares. Cando arrancou esta iniciativa “había uns 50 títulos e este número descendeu ata a metade, xa que a xente está a coller moitos libros pero non hai tantas persoas que acheguen os seus”, explica a técnica da biblioteca. Por iso decidiu aproveitar o tirón da serie Ordenando con Marie Kondo para animar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a encher o espazo de “Libros Libres con cultura, fantasía e diversión” e darlle así unha segunda vida a toda a literatura.