DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar o luns 19 de decembro no Teatro Afundación ás 20.30 horas

A Orquestra clásica de Vigo protagonizará o Concerto de Nadal da UVigo

Os convites poden solicitarse ata o 15 de decembro a través de Campus Activo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
M. Del Río DUVI 01/12/2022

Xusto un mes despois de que a cidade de Vigo prendese o alumeado de Nadal, o 19 de decembro a Universidade de Vigo dará a benvida oficial ás festas co seu tradicional concerto, que nesta ocasión estará protagonizado pola Orquestra clásica de Vigo. Con esta actuación o Concerto de Nadal regresa á cidade de Vigo tras tres anos sen acollelo, despois de celebrarse en 2019 en Pontevedra, en 2020 en formato virtual e en 2021 en Ourense. 

O evento, organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, celebrarase no Teatro Afundación a partir das 20.30 horas e a entrada é de balde, previa retirada de convite a través da plataforma Campus Activo. Como explica a vicerreitora, Susana Reboreda, “esta función é xa unha tradición” que, desta volta, “regresa a Vigo e correrá a cargo, por primeira vez, da Orquestra clásica desta cidade, no marco dun convenio asinado por catro anos, que amosa a firme intención de integrar á UVigo na sociedade”. Entre outros aspectos, engade, “este acordo recolle como eixo principal esta importante gala que cada ano se realiza nun dos nosos campus. Invitamos a todas aquelas persoas interesadas a dar a benvida ao ano 2023 cos nosos mellores augurios”.

Ademais, a vicerreitora subliña que con este tipo de evento, a Universidade trata de “mostrar á sociedade, en xeral, e á comunidade universitaria, en particular, que a nosa institución asume responsabilidades que van máis aló das actividades académicas e administrativas. Así, ofrece a ambos sectores a posibilidade de participar conxuntamente en actividades culturais e/ou deportivas e atopar espazos de unión que facilitan a interacción da Universidade coa súa contorna”.

A Orquestra clásica de Vigo

A Orquestra clásica de Vigo naceu en 1984, o que a converte na máis antiga de Galicia, apostando dende os seus comezos pola formación e a innovación nos formatos. Por esta orquestra pasaron artistas como Jorge Risi, Maristella Patuzzi, Jorge Abreu, Berta Feresco, Severino Ortiz ou Guillermo Pastrana. Conta cunha tempada sinfónica estable na cidade de Vigo que aposta pola diversidade na oferta con proxectos complementarios como o Festival de Órgano 8pés ou o ciclo de música antiga Un camiño ben temperado, nos que participaron grandes artistas como Arturo Barba, Loreto Aramendi, Juan de la Rubia ou Daniel Oyarzabal. Nos seus 38 años de historia as obras interpretadas cóntanse por centos, e nos últimos anos a Orquestra Clásica de Vigo achegouse tamén á danza, ao cine en directo, ás bandas sonoras, a propostas actuais e de obras consagradas. 

No Concerto de Nadal do día 19, baixo a dirección de Manuel Martínez Álvarez-Nava e con Emín Kiourktchian como solista ao piano, interpretarán un repertorio que incluirá a Obertura de Don Giovanni, de Mozart; Allegro molto moderato, Adagio e Allegro moderato molto e marcato, do Concerto para piano, Op. 16 de Edvard Grieg; Berceuse de Frank Bridge ou Country song e Marching song, que forman parte de Two songs without words, Op. 22 de Gustav Holst. 

Convites, ata o 15 de decembro

Os membros da comunidade universitaria poden solicitar os convites, dous por persoa, dende hoxe ata o día 15 de decembro a través do Campus Activo ata completar a capacidade do teatro, para 800 persoas. Ademais, as persoas que precisen autobús para asistir ao concerto dende Ourense ou Pontevedra tamén poden inscribirse na mesma plataforma.