DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os concertos tiveron lugar este xoves no Teatro Vidal Bolaño do campus

Ortiga e Dani poñen música á primavera no Festival Sonora

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 14/04/2023

Dende o seu nacemento no ano 2005, o festival Sonora é a cita que inaugura a primavera na Universidade de Vigo e faino achegando ritmos de vangarda e novas propostas musicais. A edición deste ano, que se celebrou na tarde deste xoves, encheu o Teatro Vidal Bolaño de mozas e mozos para escoitar dúas fórmulas de talento galego: a viguesa Dani, que presentou o seu novo disco Posdata, e o compostelán Ortiga, que interpretou temas dos seus traballos discográficos Chicho & sus chichas e Sabes el camino que elegí

A encargada de subir o pano do festival foi a exalumna de Publicidade e Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, Dani, que debutou o ano pasado con Veinte. No seu novo traballo, Posdata, explora sons máis bailables e contidos máis íntimos, unha especie de radiografía sentimental na que o desamor funciona como detonador dun empoderamento que serve de fío común nos dez temas que conforman o disco. Filla da compoñente de Aerolineas Federales Rosa Costas e sobriña do Miguel Costas, de Siniestro Total, neste novo traballo volve contar co seu produtor habitual e coautor de boa parte dos temas, Aaron Rux.

A viguesa Dani deixou paso no escenario a Ortiga, o proxecto musical de Manuel González, Chicho, un revulsivo no panorama musical galego, que é quen de mesturar con éxito o sons das verbenas coa música urbana; as cumbias coa electrónica ou o autotune co merengue, e todo sen deixar de lado as súas últimas colaboracións con Pili Pampín versionando temas tradicionais galegos. 

Na súa actuación interpretou temas do seu primeiro disco, Chicho & sus chichas, que publicou logo da separación do seu proxecto previo, o dúo Esteban & Manuel, co que se deu a coñecer e do que xurdiu o característico estilo verbeneiro latino. Despois deste traballo chegou Sabes el camino que elegí, un disco no que segue apostando por fusionar os sons latinoamericanos co espírito galego, e agora está inmerso nunha colaboración ampla con Pili Pampín, coa que versionou temas como Eu chorar chorei ou O galo. 

A programa cultural regresa coa Miteu o día 19

A programación cultural do segundo cuadrimestre regresará a vindeira semana cunha nova sesión da Mostra Internacional de Teatro Universitario Miteu. O día 19 ás 18.30 horas a Aula de Teatro da USC levará ao escenario do Vidal Bolaño a obra Observacións sobre a felicidade, dirixida por Roberto Salgueiro, unha obra colectiva na que se fala sobre a felicidade tratando de definila, intentando desentrañar os seus mecanismos.
A entrada é de balde ata completar a capacidade da sala.