DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con obradoiros de construción de satélites, xeoloxía, historia de Galicia e termalismo

Os cursos de verán regresan cunha oferta renovada e apostando pola presencialidade

O prazo de inscrición para todos eles abre o día 4 de xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 26/05/2021

Despois do parón do pasado ano, os cursos de verán da Universidade de Vigo regresan o próximo mes de xullo cunha oferta completamente renovada e cunha firme aposta pola presencialidade. O catálogo comprende catro alternativas que combinan formación complementaria e lecer en temáticas diversas como obradoiro de construción de nanosatélites, un campamento de xeoloxía, un ciclo sobre a cultura de Galicia e un curso de termalismo no que as persoas participantes tamén percorrerán algunhas das instalacións máis representativas deste eido na comunidade autónoma.

O prazo de matrícula para todos os cursos abre o vindeiro 4 de xuño. Para os tres primeiros pechará o 17 do mesmo mes; para o de termalismo estará aberto ata finais de agosto, xa que se celebrará en setembro. Os prezos varían entre os 13€ e os 145€.

Aprender a facer o teu propio satélite

Unha das propostas que a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria presenta para este período estival é o curso Fai o teu propio satélite, no que se poderá adquirir unha visión xeral de todos os elementos que compoñen un sistema espacial e os retos e beneficios que levan asociados estes sistemas. O curso desenvolverase entre o 26 e o 30 de xullo de xeito presencial na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións en horario de 09.00 a 14.30 horas. 

O obradoiro permitirá a familiarización cos sistemas espaciais, centrada nos pequenos satélites; o coñecemento dos subsistemas e elementos dun pequeno satélite; realización de análises de misións espaciais; elaboración de probas prácticas dun sistema de comunicacións LoRa; desenvolvemento dun prototipo de circuíto en PCB para sistemas espaciais e desenvolverse en retos de deseño nunha contorna espacial. Deste xeito, o alumnado inscrito poderá adquirir as competencias básicas de desenvolvemento de misións espaciais e plataformas satélite baseadas no estándar CubeSat.
 
O curso será impartido por estudantes das enxeñarías da Universidade de Vigo e enxeñeiros con experiencia en misións espaciais, que actualmente se atopan desenvolvendo unha misión destas características. Ademais, realizarase unha visita á estación de terra á que ten acceso o grupo UVigo SpaceLab. O prezo do curso é de 13,88€ para a comunidade universitaria e 21,35€ para o público alleo á mesma.

Primeira edición dun campamento de xeoloxía

Outra das novidades deste verán será o un Campamento de Xeoloxía, que terá lugar do 16 ao 20 de xullo nos afloramentos do Paleozoico Superior e Mesozoico da montaña palentina, que constitúen un espazo natural idóneo para a docencia xeolóxica dende un punto de vista estratigráfico, sedimentolóxico, tectónico e xeomorfolóxico do patrimonio xeolóxico e da minería do carbón. O obxectivo é que as persoas participantes aprendan a usar, comprender e interpretar un mapa xeolóxico; recoñezan e caractericen rochas sedimentarias en campo; interpreten series, seccións e estruturas sedimentarias e estruturas tectónicas a pequena e grande escala, así como a historia xeolóxica e identifiquen os aspectos máis relevantes en campo de xeomorfoloxía e sistemas cársticos.

Durante a actividade visitarase o Centro de Interpretación Mineira de Barruelo de Santullán e as explotacións mineiras de carbón da montaña palentina. Tamén se poderán coñecer exemplos de minería e patrimonio xeolóxico, e os participantes deberán aplicar os coñecementos aprendidos a un caso práctico.

A actividade inclúe o traslado en autobús de Vigo a Palencia e o aloxamento durante catro noites na localidade palentina de Barruelo de Santullán. O prezo do curso é de 94,64€ para a comunidade universitaria e de  145,60€ para as persoas externas.

Percorrido histórico por Galicia

Outra das alternativas percorrerá física e historicamente a terra galega. O curso, que terá lugar do 6 ao 23 de xullo, propón un repaso polos feitos que cambiaron o devir político e social de Galicia ao longo dos séculos. Para isto o programa céntrase en cinco dos fitos ou momentos históricos determinantes para a historia galega: celtas e romanos; cristianismo e Camiño de Santiago; o rexurdimento das cidades; a emigración e, finalmente, xa no século XX, a Guerra Civil, o franquismo e a chegada da democracia. 

Cada un destes temas abordase nunha sesión teórica e cunha visita guiada para explicar os aspectos e conceptos tratados. As conferencias desenvolveranse no edificio Redeiras, a nova sede institucional da Universidade de Vigo no Berbés, e as visitas permitirán ás persoas asistentes coñecer o castro de Santa Trega, o Camiño Portugués da Costa; a Ruta dos Pazos e Fortalezas; a Estación Marítima de Vigo e o Mosteiro de Oia.

O curso arrancará o luns 5 de xullo, cunha sesión inaugural, de 10.00 a 12.00 h. e continuará os días 7, 9, 12, 14 e 16 de xullo en horario de 09.00 a 15.00 h. O prezo varía entre os 32,50€ da comunidade universitaria e os 50€ do público Xeral.

Termalismo, saúde e Benestar

A programación estival de cursos complétase cunha propostas xa habitual na oferta de Extensión Universitaria: Termalismo, saúde e benestar. O curso consta de conferencias, mesas redondas e debates, que terán lugar na Facultade de Ciencias do Mar, e prácticas sobre os temas tratados nas conferencias que se desenvolverán nos balnearios de O Carballiño, Laias, Mondariz, de Acuña e Talaso Atlántico. O curso desenvolverase do 1 ao 4 de setembro e os prezos varían entre os 32,50€ ou 50€.

A formación conta coa colaboración dos profesionais da medicina, fisioterapia e actividades físicas que habitualmente exercen a súa actividade profesional nos centros termais. O curso permitirá aos asistentes adquirir os coñecementos básicos sobre os distintos tipos de augas e os seus beneficios; coñecer os balnearios galegos e o seu funcionamento, dende un punto de vista da saúde e do benestar; coñecer os produtos derivados das augas mineromedicinais e mariñas; vincular o termalismo coa saúde e hábitos de prevención e benestar e realizar prácticas de aplicación de augas mineromedicinais e peloides termais.