DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así se establece nun convenio asinado coa Consellería de Política Social e Xuventude

Os programas de voluntariado promovidos pola Xunta pasan a ter recoñecemento académico

Beneficiarase desta medida todo o alumnado que cumpra os requisitos de horas e así o solicite

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Cultura
  • Institucional
DUVI 11/11/2022

Os programas de voluntariado promovidos polo Goberno galego pasan a ter recoñecemento académico mediante o sistema de créditos. Así se estable tras os convenios asinados entre as tres universidades galegas e a Consellería de Política Social e Xuventude, unha medida que se pon en marcha co obxectivo de seguir enriquecendo o currículo académico do alumnado a través da formación transversal que achega, por exemplo, o voluntariado, “unha competencia clave para impulsar o futuro laboral da mocidade”.

Grazas a este acordo, todo programa impulsado por esta consellería en materia de voluntariado no que participen alumnas e alumnos universitarios, e sempre e cando cumpran os requisitos mínimos de horas e así o soliciten, verán acreditadas ditas experiencias mediante o sistema de recoñecemento de créditos do sistema europeo de transferencia subscrito polas tres universidades galegas. 

Neste sentido, a Administración autonómica e as institucións académicas comprométense ao recoñecemento das actividades de acción voluntaria mediante a emisión dos certificados de experiencias voluntarias, no caso da consellería, e posterior acreditación dos créditos que lle correspondan, no caso da Universidade. Desde a consellería destacan nesta liña que esta colaboración tamén axuda a complementar os programas propios de solidariedade e voluntariado que xa teñen en marcha as universidades galegas, algúns deles en cooperación co propio goberno autonómico como é o caso de Correspondentes universitarios.

Con este novo convenio, “dáse un paso máis no recoñecemento da acción voluntaria como unha boa experiencia de vida que habilita para achegarse á sociedade desde un punto de vista máis humano e solidario”.