DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixidos a impulsar a empregabilidade de estudantes e persoas recén tituladas

Os Xoves Empregables suman este curso obradoiros presenciais nos tres campus

As actividades do ciclo arrancaron este xoves e prolongaranse ata mediados de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 08/09/2022

Os Xoves Empregables, ciclo de conferencias en liña para fomentar a empregabilidade de estudantes e persoas recén tituladas, amplíanse este curso con obradoiros presencias nos tres campus. Esta é a gran novidade dunha actividade impulsada pola Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo que arrancou este xoves e que se prolongará ata mediados de novembro. Serán seis charlas en liña e dous obradoiros presenciais “impartidos por mentores, coachs e profesionais independentes ou responsables de recursos humanos de diferentes empresas e organizacións”, tal e como destacan desde a organización.

O ciclo arrancou este mesmo xoves coa charla Converte o teu potencial en talento, impartida por Silvia Negreira, subdirectora xeral de Programas e Asesoramento para a Xuventude. O resto de charlas desenvolveranse ao longo de mes de setembro e novembro, deixando os xoves de outubro para os obradoiros presenciais. O primeiro destes talleres centrarase nas distintas ferramentas de busca de emprego en inglés que existen na actualidade e encargaranse de impartilo o docente do Centro de Linguas da Universidade de Vigo Jeffrey Beasley e  a cofundadora de consultora Totus Consulting (Nambia), especializada en servizos de consultaría laboral e de recursos humanos Katchina Shiluwa”. O segundo taller xirará en torno ás particularidades do traballo en equipo e del farase cargo David Pereiro, responsable do programa Virada na consultaría Algalia, especializada en servizos de asesoría para asociacións, fundacións, cooperativas...

Oito sesións totalmente de balde

Tras a sesión inaugural deste xoves, as charlas en liña retomaranse  o 15 de setembro da man de Pablo García, coach persoal e executivo, consultor en xestión e desenvolvemento de habilidades, quen tamén se encargará de impartir a sesión do xoves 22, Organiza a túa axenda: primeiro o primeiro! En novembro haberá charlas os días 3 (Para encontrar traballo é mellor ter chispa que sobresaínte) e o 10 (Como vender a túa candidatura para conquistar aos recrutadores máis esixentes), a cargo de Elena Huerga, coach de desenvolvemento profesional. As actividades pecharanse o xoves 17 de novembro cun encontro sobre profesións emerxentes no que participarán diferentes profesionais.

“Son oito sesións independentes e de balde nas que as persoas asistentes terán a oportunidade de reflexionar sobre quen son, que retos laborais se presentan e como poden prepararse para afrontalos, mellorando así non só a súa empregabilidade, senón a súa propia marca persoal”, subliñan desde a organización, desde onde tamén se informa que “dez das persoas que participen nas oito formacións poderán beneficiarse dunha titoría personalizada para revisar o seu currículo de man dunha profesional”.

Pasaporte de empregabilidade

Outra das novidades que se lanza este curso desde a Área de Emprego e Emprendemento é o denominado Pasaporte de empregabilidade da Universidade de Vigo, un documento maquetado con formato de pasaporte no que se inclúen un amplo circuíto de actividades formativas sobre ferramentas e técnicas de busca de emprego organizadas desde a área. A idea é que cada estudante vaia selando o pasaporte en cada unha das actividades ás que asista, o que lle dará acceso a un recoñecemento de ata seis créditos ECTS nas súas respectivas titulacións.