DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Decano desde 2021, encabeza a única candidatura presentada no proceso electoral aberto no centro

Óscar García opta a un segundo mandato á fronte da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

A votación terá lugar o vindeiro xoves 29

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 23/02/2024

Decano de Ciencias da Educación e do Deporte desde 2021, o profesor do Departamento de Didácticas Especiais Óscar García optará a un segundo mandato á fronte desta facultade na votación que terá lugar o vindeiro xoves 29 de febreiro. Coincidindo co remate do seu primeiro período no Decanato, o centro abría hai unhas semanas un proceso electoral ao que se presentaba unicamente a candidatura encabezada por García, que este venres era proclamada de xeito definitivo e que completan os actuais integrantes do equipo decanal. 

Xunto a García, forman parte da candidatura as vicedecanas e vicedecanos Eulalia Agrelo (Relacións Internacionais), Begoña Paz (Prácticum e TFG), Uxío Pérez (Organización Académica e Infraestruturas) e Ezequiel Rey (Calidade), así como Vicente Romo como secretario académico. “Presentámonos porque aínda quedan algúns retos moi importantes para a facultade no futuro inmediato, que asumiramos previamente e que temos que intentar pechar”, destaca o candidato á reelección. Profesor da Área de Educación Física e Deportiva e investigador do grupo HealthyFit, dentro do que coordina o Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar, García sucedeu a Romo á fronte da facultade en abril de 2021, despois de que a súa candidatura obtivese 51 votos a favor, seis en contra e tres abstencións na votación efectuada en Xunta de Facultade. 

Retos de futuro

Da súa primeira etapa á fronte do Decanato, García destaca en primeiro termo que acadouse “un gran ambiente de traballo e respecto entre os compañeiros e entre o estudantado” e sitúa de feito como “primeiro obxectivo” de cara a un segundo mandato “seguir traballando para que os nosos compañeiros e o alumnado teñan o mellor espazo laboral e de estudo posible”. Así mesmo, salienta tamén o traballo realizado pola comunidade do centro para ofrecer “unha formación de gran nivel” e a habilitación de dous novos laboratorios, un de kinesioloxía e acondicionamiento físico, inaugurado no mes de novembro, e outro de innovación educativa, “que vaise pór en marcha en breve”. Trátase de “dous espazos que eran vitais para facultade”, lembra o actual decano, que incide, non obstante, en que “temos pendente unha ampliación do centro que é moi necesaria, porque temos unha gran carencia de espazos”.

Entre os obxectivos a afrontar nos próximos anos, García destaca tamén o impulso, xunto á Universidade da Coruña, dun máster en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva. Trátase dunha titulación da que o Consello de Goberno da UVigo aprobaba recentemente a súa declaración de interese, coa que se inician os trámites para acadar a súa posta en marcha no curso 2025/2026. Outra cuestión “nuclear”, engade, no futuro próximo é a modificación das normas ECI que regulan o acceso á profesión docente na que traballa o Ministerio de Educación e que afectarían aos graos en Educación Infantil e Educación Primaria. “As universidades temos que colaborar co Ministerio de forma estreita para que o cambio das normas e a adaptación dos títulos a estas se organice de forma consensuada e sensata”, sinala García, que alude tamén a outros “retos relacionados co programa estratéxico” que o centro aprobaba en 2023, “e que teñen que ver coa transferencia á sociedade de todo o que facemos na facultade”.