DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha serie de visitas guiadas, nas que participa alumnado de cinco institutos de Pontevedra e Poio

Preto de 350 estudantes de secundaria coñecerán o arboreto do campus

Por outra banda, a Semana de Recollida de RAEES permitiu reunir 400 quilos de residuos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Visitas
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/05/2023

Desde 2019, o arboreto do campus de Pontevedra conta cunha ruta de preto de dous quilómetros que permite ir contemplando as máis de 350 árbores de 54 especies que o conforman, á vez que se obtén maior información sobre os diferentes exemplares, que se atopan xeolocalizados nunha base de datos. Co obxectivo de pór en valor a contorna natural do campus e a importancia que ten a preservación da biodiversidade, a Vicerreitoría promove un ano máis unha serie de visitas guiadas ao arboreto, que achegarán ao campus preto de 350 estudantes de ESO e Bacharelato de cinco institutos. 

Guiados por dous estudantes da Escola de Enxeñaría Forestal, Manuel Amor, bolseiro da Oficina de Medio Ambiente (OMA), e Iván Martínez, bolseiro de Medio Ambiente na Vicerreitoría do campus, un total de 17 grupos de entre 20 e 30 mozos e mozas percorrerán parte deste arboreto e coñecerán ás súas especies máis características nunha serie de visitas que se prolongarán ata o 13 de xuño. Esta iniciativa arrancou o pasado venres cun primeiro grupo de alumnos e alumnas da ESO do IES Valle Inclán, instituto que nas próximas semanas achegará outros tres grupos de estudantes ao campus. Un ano máis, participa taménte nesta actividade o IES Luis Seoane, con cinco grupos da ESO e Bacharelato que percorrerán o arboreto a vindeira semana. Posteriormente, farano tamén dous grupos do IES A Xunqueira II e, xa en xuño, a actividade pecharase coa participación do IES Poio e do instituto Gonzalo Torrente Ballester.

“A idea non é afondar tanto en cuestións de botánica, senón que coñezan as especies máis características e para que se utilizaron determinadas árbores”, salienta Amor. Con ese propósito, o percorrido detense en especies como o Ginkgo biloba, unha das antigas do mundo, nos castiñeiros, carballos ou moreiras, á vez que afonda en curiosidades como que a aspirina ten a súa orixe nos salgueiros. Ao mesmo tempo, esta actividade tamén implica unha aprendizaxe para os propios universitarios responsables, xa que, como sinala Martínez, "tes que enfrontarte a falar dun tema que che gusta ante 20 ou 30 persoas, o que pode sernos de axuda, por exemplo, para a defensa do traballo de fin de grao”. 

XVI Semana de Recollida de RAEES

Coa colaboración da OMA, a Vicerreitoría promoveu a pasada semana á XVI edición da Semana de Recollida de RAEE´S, dirixida a concienciar á comunidade universitaria da importancia que ten o correcto tratamento como residuos dos aparatos eléctricos e electrónicos, debido ao carácter contaminante dalgún dos seus compoñentes. Esta semana de recollida permitiu reunir máis de 400 quilos de aparellos, que nas últimas horas foron trasladados a un xestor autorizado para o seu tratamento. Entre os aparatos depositados nos puntos de recollida instalados nas diferentes facultades e escolas, así como na sede da Vicerreitoría e no Pavillón Universitario, figuraban 31 equipos informáticos e dez televisións e monitores, así como un lavalouza, un microondas e 80 quilos de pequenos aparellos.