DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É a única publicación científica monográfica dedicada ao autor de 'El Quijote' en España

O profesor de Filoloxía e Tradución José Montero Reguera, novo director da revista 'Anales Cervantinos'

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Publicacións
  • Académica
DUVI 12/07/2019

O catedrático José Montero Reguera é dende este mes de xullo o novo director da revista Anales Cervantinos, unha publicación editada polo CSIC con case 70 anos de historia. Trátase da única monografía de carácter científico en España dedicada ao autor de El Quijote que publica un volume anual recollendo todas as manifestacións do pensamento arredor da figura de Miguel de Cervantes, incluíndo estudos sobre o autor e as súas obras, pero tamén sobre a súa contorna, a sociedade, a época, a paisaxe, etc. 
Por todo iso, o profesor do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura da Universidade de Vigo valora este nomeamento “moi positivamente” xa que, por unha banda, supón un importante recoñecemento a un labor investigador sobre Cervantes que veño realizando dende hai case tres décadas” e, por outra banda, pon en valor os estudos de letras e humanidades na Universidade de Vigo. “É unha maneira de amosar que tamén hai investigación de excelencia neste eido na UVigo”, puntualiza.

Un referente dende 1951

Recorda Montero Reguera que Anales Cervantinos é unha das revistas "clásicas" no ámbito dos estudos hispánicos, cuxo primeiro número se remonta a 1951. Ofrece, como subliña o seu novo director, “o mellor e máis extenso caudal de investigación sobre Cervantes nos últimos 60 anos. Toda persoa que queira afondar no estudo deste autor atopará en Anales Cervantinos información precisa e rigorosa, da man de hispanistas e cervantistas de recoñecido prestixio”. 

Sobre o procedemento para o seu nomeamento, o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución explica que as direccións de revistas no CSIC seguen un protocolo moi estrito segundo o cal o consello de redacción é o que propón e elixe por votación ao seu director ou directora. É por isto polo que o catedrático da Universidade de Vigo recoñece sentirse “moi honrado de ter sido proposto por algúns dos mellores investigadores que hai na actualidade no campo do cervantismo e ter acadado a unanimidade do consello de redacción”. A partir de agora, como director da revista, ocuparase da xestión do proceso de avaliación e publicación “das propostas que vaian chegando á redacción, de acordo co protocolo de dobre informe cego e de coordinar o traballo do consello de redacción e prestar apoio técnico”. 

Formato impreso e libre acceso dixital

Anales Cervantinos segue a política do CSIC de libre acceso á información académica e investigadora, polo que a revista sae á rúa anualmente con arredor de 400 páxinas, podéndose adquirir tanto en formato impreso como de libre acceso na web. Está indexada en Web of Science: Arts & Humanities Citation Index (A&HCI), SCOPUS, CWTS Leiden Ranking (Journal indicators), ERIH Plus, REDIB, DOAJ entre outras bases de datos internacionais de relevancia e facilita o acceso sen restricións, a todo o seu contido dende o momento da súa publicación.