DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofértanse dez cursos de contidos diversos e a matrícula está aberta ata o día 5 de outubro

A programación de obradoiros do primeiro cuadrimestre esténdese á cidade

O taller de introdución á exiptoloxía impartirase no Berbés

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cursos
  • Medio Ambiente
  • Música
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 26/09/2023

Co obxectivo de achegarse á cidade e facilitar a participación da cidadanía nas actividades de formación complementaria, a programación de obradoiros de Extensión Universitaria do primeiro cuadrimestre empregará o edificio Redeiras como unha das súas sedes. En concreto, o curso de introdución á exiptoloxía será o primeiro destes talleres que se desenvolverá na sede institucional da Universidade de Vigo no Berbés, mentres que outros dous cursos terán como sede outros locais da cidade, como o café A casa de arriba ou La Revoltosa. 

Como explica a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, a aposta por localizar este tipo de actividades no edificio Redeiras é unha estratexia de futuro e “está en consonancia cunha liña de traballo da Vicerreitoría que é o achegamento da Universidade ao conxunto da cidadanía”. De feito, engade, a ampliación do horario de apertura desta instalación está a permitir que se sexa sede para “actividades moi interesantes, como esta de Introdución á exiptoloxía, que pouco a pouco darán visibilidade da UVigo na cidade e na contorna”.

En total a oferta de Extensión Universitaria para este primeiro cuadrimestre está formada por dez cursos que abranguen temas moi diversos relacionados coa natureza e a ecoloxía, a música, o teatro ou a enoloxía. O prazo de matrícula estará aberto ata o vindeiro 5 de outubro e os prezos dos cursos varían entre os 26 euros para os membros da comunidade universitaria e os 40 para o público en xeral. 

Do antigo Exipto aos viños galegos

O curso de Introdución a exiptoloxía regresa á programación cuadrimestral tras unha primeira edición en 2018 e será impartido por María Eugenia Muñoz, profesora de lingua e cultura do Antigo Exipto no Instituto Superior de Ciencias Religiosas de Santiago de Compostela e no Instituto Bíblico y Oriental. As clases arrancarán o 9 de outubro e serán os luns pola coa vista posta en descubrir todos os segredos do antigo Exipto dunha maneira amena pero científica.

Outra proposta é o obradoiro Anatomía da canción: A composición musical contemporánea no rock, que repite tras o éxito das pasadas edicións. Será impartido pola docente da Filoloxía e Tradución Susana Rodríguez Barcia e polo músico Óscar García Avendaño no café A casa de arriba a partir do 25 de outubro.

A programación tamén comprende os obradoiro de identificación de cogomelos I e II, con dous niveis adaptados aos coñecementos previos das persoas participantes. Arrancarán os días 10 e 11 de outubro, respectivamente, en ambos casos na Facultade de Química. As persoas interesadas en formase en temáticas relativas ao medio natural tamén poden matricularse no curso de cosmética natural aproveitando a contorna, que comezará no centro comercial de Cidade Universitaria tamén o 11 de outubro da man de Patricia Puga ou no taller de agricultura orgánica, deseño, planificación, implantación e manexo dunha horta orgánica. Este terá lugar no Edificio de Ciencias Experimentais os luns pola tarde a partir do 9 do próximo mes impartido por Jacobo Ojea.

Un dos obradoiros máis lonxevos da programación é o de iniciación ao teatro, que comezará o 16 de outubro e se desenvolverá nas tardes dos luns e dos mércores no Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria da man de Casilda García Alfaro e Sonia Rúa Rúa, da Aula de Teatro do campus. A programación continúa co obradoiro de música tradicional, que comprende canto, percusión, gaita e baile tradicional galego, os martes pola tarde tamén no Vidal Bolaño a partir do 10 de outubro; o obradoiro creativo de costura para aprender a reciclar prendas, na Biblioteca Central os xoves pola tarde dende o 19 de outubro; e o curso de introdución á cata e tipoloxía de viños de Galicia, Portugal e España, que será na tarde dos mércores en La Revoltosa a partir do día 18.