DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvido polo grupo EcoEvo co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación

Un proxecto permite detectar comportamentos únicos en comunidades de libélulas e formigas

Así como unha maior variedade de cantos de paxaros nos bosques autóctonos fronte os eucaliptais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/08/2023

Da detección de comportamentos reprodutivos únicos en libélulas de Galápagos e da República Dominicana, á constatación de que os bosques autóctonos acollen unha maior variedade de sons de paxaros que plantacións de árbores como o eucalipto; pasando pola detección por primeira vez de ataques letais entre grupos de formigas arxentinas dunha mesma colonia. Estes son algúns dos achados realizados polo grupo de investigación en Ecoloxía Evolutiva e da Conservación (EcoEvo) da Universidade de Vigo no marco dun proxecto dirixido a analizar e caracterizar a diversidade de comportamentos de comunidades de aves, libélulas, formigas e outra serie de macroinvertebrados. 

Financiado con preto de 200.000 euros polo Ministerio de Ciencia e Innovación e desenvolvido ao longo dos últimos catro anos, o proxecto Diversidade funcional e etolóxica en comunidades continentais e insulares (Etodiversidade) pon o foco na importancia da diversidade de comportamentos como unha compoñente básica da biodiversidade. “O noso proxecto está contribuíndo a que o comportamento sexa recoñecido como un nivel relevante en conservación”, resalta o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, investigador principal deste proxecto, recentemente finalizado, xunto á catedrática da Facultade de Bioloxía María Calviño. “Penso que os resultados son prometedores", engade o responsable do grupo EcoEvo dun proxecto articulado en torno ao termo “etodiversidade”, que pon o acento en como a perda de comportamentos pode levar á extinción dunha especie.

Non obstante, recoñece, a investigación viuse afectada en gran medida polas restricións á mobilidade provocadas pola covid-19, que impediron levar a cabo parte dos traballos do campo inicialmente previstos en diferentes países. No seu lugar, explican, promovéronse “experimentos alternativos” en España, á vez que se potenciaban as colaboracións internacionais con grupos de investigación de México, República Dominicana, Brasil, Chile, Australia e Portugal. Nese senso, ata o de agora o proxecto deu como resultado máis dunha vintena de artigos en revistas científicas internacionais, ás que se sumarán unha monografía sobre as libélulas de Cuba e outra sobre macroinvertebrados acuáticos nas Galápagos.

Os sons dos paxaros son máis variables nas illas

Partindo da hipótese de que a simplificación dos ecosistemas afecta á diversidade de comportamentos, unha das liñas de traballo centrábase no estudo das diferencias entre comunidades insulares e continentais de aves e libélulas. No caso das primeiras, o estudo estivo centrado no complexo do picafollas europeo, “un grupo de especies de paxaros moi comúns e que son moi parecidas”, como sinala Calviño, de tal xeito que ata hai un tempo considerábanse unha única especie. O obxectivo desta investigación era determinar o efecto do denominado “síndrome insular”, asociado á menor diversidade de especies existentes nas illas, o que implica unha "menor competencia" entre estas que, polo xeral, leva a unha "menor especialización", de tal xeito que nos ecosistemas insulares podería darse unha “relaxación de caracteres, das características das especies”, dando lugar a “comportamentos máis xeralistas”. Neste caso, isto estudouse a través das súas chamadas, “que son moi importantes para identificar o outro como membro da mesma especie e teñen un papel importante na atracción da parella”, salienta Calviño. “Os nosos datos confirman este síndrome insular e relaxación de caracteres, en forma de maior variabilidade das chamadas de contacto dunha especie insular, fronte a especies próximas continentais”, engade a investigadora. Así se puido constatar ao comparar outras especies co picafollas canario (Phylloscopus canariensis), que presenta unha “enorme variabilidade” nos seus reclamos, a pesar de só estar presente neste arquipélago. 

Para esta investigación, que contou coa participación do profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Julio Martín Herrero, combináronse "técnicas estatísticas tradicionais con técnicas de deep learning”, acadando con ambas metodoloxías resultados moi similares nesa análise das características acústicas dos sons que emiten estes paxaros, "o que lle dá máis robustez aos resultados". Esta análise permitiu así mesmo constatar que as chamadas do picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus) ocupan unha “posición central no espazo de variabilidade acústica de todo o grupo, o que é coherente co feito de seren a estirpe máis antiga” dentro do complexo do picafollas común, como sinalan as análises xenéticas".  

Comportamentos únicos e unha “arma sexual”

Esta mesma comparación entre comunidades insulares e continentais “non se puido facer como estaba prevista”, recoñece Cordero, no caso das libélulas, aínda que os diferentes estudos realizados permitiron detectar “comportamentos peculiares en especies insulares”. Ese é o caso da Ischnura hastata nas Galápagos, onde a monogamia detectada nesta especie “produce un intenso conflito sexual e determina comportamentos reprodutivos únicos”. Tamén o a Phyloestes ethelae, unha libélula endémica da República Dominicana, da que o grupo EcoEvo detectou uns “patróns de reprodución únicos”, xa que as cópulas tiñan lugar nas últimas horas da tarde e primeiras da noite, como explica Cordero, que destaca que "non se coñece ningunha outra especie da orde Odonata cun comportamento reprodutor nocturno”.

No referido ao xénero Ischnura, tamén se levou a cabo un estudo sobre o polimorfismo de cor en Galicia e nas illas de Mallorca e Menorca, que permitiu demostrar “que as frecuencias dos morfos de cor da Ischnura elegans, que amosan un comportamento diferenciado, son claramente diverxentes entre as dúas illas”. 

No proxecto insírense tamén as investigacións realizadas pola integrante do grupo EcoEvo Anais Rivas para a súa tese de doutoramento, entre as que se atopa a centrada na Enallagma cyathigerum, especie na que as femias presentan unha espiña vulvar no seu abdome, cuxa función se descoñecía. Dando continuidade a este traballo, o grupo publicaba recentemente un artigo na revista Evolution no que conclúen que este apéndice podería ser unha “adaptación morfolóxica”, que “parece actuar como unha arma sexual”, coa que acurtar a duración da cópula, tras constatar como esta se reducía practicamente a metade no caso de exemplares que presentaban esta espiña, fronte a exemplares que non a posuían. “Ata onde sabemos, nunca se tiña atopado unha adaptación morfolóxica nas femias de ningunha especie que poida ser usada como arma sexual durante o apareamento”, salienta Cordero.

Maior diversidades de cantos nos bosques autóctonos

Outra das liñas de análise do proxecto centrouse na diversidade funcional de comunidades que viven en bosques autóctonos e outras que fano en “hábitats alterados por plantacións de especies exóticas”, xa que estas modificacións poden levar a certas especies a adaptar o seu comportamento, facéndose “especialistas nun tipo de hábitats”, pero perdendo variabilidade comportamental. Nesta liña insírense os estudos levados a cabo con comunidades de aves tanto en bosques autóctonos como en plantacións de piñeiros e eucaliptos de Galicia e de Madeira. Esta “análise da paisaxe sonora” permitiu comprobar “os efectos da competencia interespecífica”, que é máis intensa nos bosques autóctonos, “conducindo a unha expansión do niño acústico”, como apunta Calviño. “Nos bosques autóctonos temos moita máis diversidade de cantos que nas plantacións de piñeiro e eucalipto”, subliña, a raíz dos resultados deste estudo. A presenza nos bosques autóctonos dun maior número de especies obriga ás aves a "diversificarse máis en relación co momento no que cantan, para evitar coincidir coas outras e que a súa mensaxe sexa oída”. 

Nesta mesma liña de traballo insírese un estudo sobre comunidades de odonatos e outros macroinvertebrados en arroios de Galicia “con diferente grao de eucaliptización”, unha actividade non prevista inicialmente.

A agresividade da formiga arxentina

Outro dos estudos levado a cabo ao abeiro deste proxecto, grazas á incorporación ao equipo de traballo de Iago Sanmartín, actualmente investigador da Academia Polaca de Ciencias, foi o centrado na diversidade comportamental das colonias de formiga arxentina (Linepithema humile) e mais concretamente no seu “grao de agresividade” fronte a outras colonias ou fronte a outros grupos da mesma colonia. A investigación levada a cabo en diferentes illas e localidades costeiras das Rías Baixas deu lugar, como explica Sanmartín, a un “novidoso achado, que racha cos estudos previos realizados nesta especie”, a observación de “interaccións letais entre formigas obreiras de diferentes niños", a pesar de que forman parte da mesma "supercolonia". Como explica, unha das características da expansión desta especie invasora é que as poboacións presentes en Galicia e en boa parte do sur de Europa forman parte dunha mesma “supercolonia” e polo, tanto, non deberían “atacarse entre elas”. Mais iso si aconteceu no caso das poboacións galegas. Estes resultados, xunto cos obtidos tras a análise da variabilidade xenética levan a concluír que "ao contrario do asumido,existen grupos xeneticamente diferenciados dentro desa supercolonia", de tal xeito que os individuos pertencentes a “grupos diferentes agrídense entre si, algo non observado até a data”.

“A hipótese que mellor explica os nosos resultados é o da diverxencia evolutiva, é dicir, que as supercolonias comezaron a diferenciarse tras seren introducidas”, engade Sanmartín. Mais esta investigación permitiu constatar tamén que “as interaccións letais eran maiores” cando as poboacións existentes nas tres illas nas que se detectou a especie, Cortegada, A Toxa e a illa de Arousa, se enfrontaban a formigas das zonas continentais máis próximas que cando o facían con grupos doutras illas ou de zonas máis distantes. "Este resultado semellaría ir en contra da hipótese da diverxencia evolutiva, pero podería explicarse pola competencia entre veciños”, engade o investigador, que incide en que estes achados “resultan de extrema relevancia para os programas de conservación e nos centrados no control da invasión da formiga arxentina”.