DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiados pola convocatoria de axudas Inou da UVigo e a Deputación de Ourense

Unha publicación recolle os resultados de seis estudos multidisciplinares realizados no campus

Abranguen temas de eidos como o agroalimentario, o ambiental e o tecnolóxico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 25/01/2024

A Vicerreitoría do campus de Ourense acaba de publicar o libro, en formato electrónico, Proxectos INOU 2022. Investigación aplicada na provincia de Ourense. Nel recóllense os resultados de seis traballos feitos por grupos de investigación multidisciplinares do campus de Ourense financiados pola convocatoria de axudas Inou da Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense. Os estudos abordan temas que van desde o aproveitamento e a valorización de podas da oliveira ata a avaliación da viabilidade de usar drones para determinar o posicionamento de ximnastas en competicións e en educación deportiva.

O libro estivo coordinado pola propia Vicerreitoría do campus de Ourense, que agradece a colaboración nesta iniciativa da Deputación Provincial de Ourense así como o esforzo realizado por todos os investigadores e investigadoras participantes na convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou. No prólogo da publicación, o vicerreitor Francisco Javier Rodríguez subliña que “presentáronse traballos dunha gran calidade que van ser de moito proveito e interese para o tecido social e empresarial da nosa provincia”. Unha das maiores fortalezas do campus, recalca o responsable académico, “é a internacionalmente recoñecida actividade investigadora que desenvolven os seus dinámicos grupos de investigación”. Investigación que, subliña, “atópase estreitamente conectada coa súa contorna co gallo de achegar solucións aos desafíos, presentes e futuros, de Galicia”.  

Colaboración entre grupos de investigación

Os estudos publicados neste libro son todos de carácter multidisciplinar e boa parte deles enfócanse cara o ámbito agroalimentario, ambiental e rural. Así, inclúense traballos sobre o desenvolvemento de procesos para o aproveitamento e a valorización de podas da oliveira dentro dun contexto de biorrefinaría multiproduto; sobre a recuperación e avaliación dos compostos fenólicos das podas das oliveiras autóctonas galegas e sobre as implicacións ambientais, agrícolas e económicas do uso de nanoagroquímicos cara unha produción alimentaria sostible de Brassica oleracea var. capitata L. Igualmente tamén se aborda o control de procesos estatísticos remotos nas contornas rurais, ofrecendo unha proposta de transmisión e plataforma de simulación. Completan o listado traballos sobre a produción de plásticos na provincia de Ourense, sobre a súa situación e posibles actuacións estratéxicas, e sobre a avaliación da viabilidade da utilización de UAV para determinar o posicionamento de ximnastas en competicións e en educación deportiva.

Nas investigacións traballaron un amplo abano de membros de diferentes grupos de investigación do campus de Ourense. Precisamente, entre os valores máis destacables destes proxectos, explican desde a Vicerreitoría, está a aposta pola multidisciplinaridade pois, subliñan, “representa un eixe fundamental na procura de solucións aos diferentes problemas e aos retos que se nos presentan a diario”. Así, indican, na convocatoria de proxectos Inou 2022 “continuamos a traballar na senda da colaboración entre grupos de investigación de diferentes ámbitos de coñecemento”, sendo seleccionados seis proxectos de investigación coordinados “que suman un total de doce subproxectos e que abranguen importantes eixes do desenvolvemento da nosa provincia, como son a modernización do sector agrario, a sostibilidade do medio ambiente e a transformación dixital”.