DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As persoas interesadas en colaborar poden facer a súa achega ata o vindeiro venres día 14

Recollida solidaria de alimentos en CC Económicas e Empresariais

A campaña busca cubrir a falta de produtos como aceite e cacao

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 11/12/2018

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais sumouse este ano á campaña do Banco de Alimentos de Vigo para a tradicional recollida de alimentos non perecedoiros. A iniciativa foi proposta ao novo decanato pola profesora Encarnación González Vázquez, catedrática da área de Marketing e Investigación de Mercados. “A nós pareceunos unha idea magnífica e, ao instante, puxémonos mans á obra para poder sacala adiante, xa que consideramos fundamental calquera colaboración solidaria que poidamos levar a cabo”, explica o decano, Jorge Falagán.

A recollida, que conta tamén coa colaboración dalgunhas alumnas e alumnos do centro, arrancou este mesmo luns e prolongarase ao longo de toda a semana. Todas as persoas interesadas en colaborar poden achegarse ata a entrada principal do centro, onde se situou un caixón no que se poden depositar todo tipo de alimentos non perecedoiros, se ben, desde a organización fan fincapé en que, principalmente, se precisa aceite e cacao, porque estes son os dous produtos que máis escasean nestas datas no Banco da Alimentos. 

A chamada non se fixo agardar e, en pouco máis dun día desde que se instalou a caixa, xa foron numerosas as persoas que se achegaron  a facer as súas doazóns, sobre todo, tal e como se pedía, de aceite (tanto de oliva como de xirasol) e de cacao, pero tamén outros produtos típicos para o almorzo como as galletas. Desde o decanato animan a todos e todas as persoas da comunidade universitaria a ser solidarios e solidarias e colaborar coa campaña.