DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O verán pasado as circunstancias sanitarias impediron a realización deste campamento infantil

Regresa Campus Camp tras o parón pola pandemia

Abriuse a preinscrición para Pontevedra, e en Vigo e Ourense a matrícula será a partir do día 31

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
D. Besadío DUVI 25/05/2021

Tras un ano de parón debido ás circunstancias sanitarias provocadas pola pandemia de covid-19, este verán regresará o Campus Camp, o campamento dirixido ás fillas e fillos do persoal de administración e servidos, o persoal docente e investigador e o alumnado da Universidade de Vigo, unha iniciativa coa que a institución académica viguesa quere favorecer a conciliación da vida profesional e familiar dos membros da comunidade universitaria en época de vacacións escolares, ao tempo que se achega a universidade aos máis pequenos e pequenas.

Este martes abriuse o período de reserva previa para o campus de Pontevedra –ata o venres 28- e o vindeiro luns día 31 abrirase a matrícula en Vigo e Ourense –ata as 14.00 horas do 11 de xuño-. En total ofértanse 125 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e 35 para o de Ourense.

Amplíase ata os 15 anos a idade dos participantes

O campamento está aberto a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 15 anos, un máis que na anterior convocatoria, na que o límite máximo se establecía nos 14 anos. As actividades arrancarán o 23 de xuño, coincidindo co inicio das vacacións escolares, e prolongaranse ata o mes de setembro co arranque do novo curso escolar en educación primaria, quedando excluído de actividades o mes de agosto. 

As persoas interesadas poden inscribir os seus nenos/as dependendo das súas propias necesidades en toda a tempada ou só algunha/s quincenas, variando os prezos entre os 160 euros si se opta por inscribir o cativo desde xuño ata setembro; 120 euros, no caso de inscribilo todo o mes de xullo; 60 euros cada quincena de xullo; 30 euros, só xuño; 30 euros, só setembro ou oito euros por día caso de decidirse por inscribilo en días soltos. Ademais, en función do número de irmáns matriculados, estableceranse diferentes descontos (desde o 10% por segundo filla/o ata un 25% no quinto), agás no caso de que se opte pola matrícula en días soltos.

En marcha desde o verán de 2004 en Ourense, 2005 en Vigo

O Campus Camp propón cada verán unha serie de actividades educativas e lúdicas a nenos e nenas, cun eixo temático que vai variando en cada edición, co obxectivo de fomentar a colaboración e o traballo cooperativo, a adquisición de habilidades específicas de diferentes deportes a través do xogo e a realización de actividades ao aire libre.
Esta iniciativa foi galardoada no ano 2015 co co III Premio de compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo Uviguala 2015, un galardón co que a institución académica viguesa quixo pór en valor unha idea que arrancou no ano 2004 no campus de Ourense da man de María Teresa Díaz e Raquel Iglesias e que ao ano seguinte trouxo a Vigo David Basalo, integrantes os tres do Persoal de Administración e Servizos da UVigo. Dende entón foron xa centos as nenas e nenos que pasaron por esta actividade.