DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa da Biblioteca de Torrecedeira para dar a coñecer os seus recursos

As reseñas.20 achéganse aos contos dos irmáns Grimm “antes da súa reelaboración literaria e moralizante”

A proposta céntrase nun volume traducido e editado pola profesora da FFT Helena Cortés

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 03/06/2021

O proxecto reseñas.20, que ten como obxectivo dar a coñecer os recursos da Biblioteca de Torrecedeira entre a comunidade universitaria, propón para estes meses de xuño e xullo coñecer un libro estreitamente ligado á Universidade de Vigo: Los cuentos de los hermanos Grimm tal como nunca te fueron contados. Primera edición de 1812, editado e traducido pola docente da Facultade de Filoloxía e Tradución Helena Cortés, no que presenta a versión inicial dos contos “antes da súa reelaboración literaria e moralizante”. 

A responsable de propoñer este volume á comunidade universitaria é a profesora e subdirectora da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, Araceli González Crespán. Explica que grazas a Helena Cortés “temos acceso aquí á primeira de todas as edicións que chegaron ao prelo, no ano 1812, froito do interese dos irmáns Grimm polo folclore, a etnografía e o romántico afán de vertebrar a idea da nación xermana a través dunhas historias supostamente transmitidas de boca en boca que amosaban a alma distintiva do pobo e xustificaban así o patriotismo”. No libro, ademais da tradución dos contos, a Cortés inclúe un estudo introdutorio no que explica a importancia desta primeira edición dos textos publicados polos irmáns Grimm e aborda as características dos contos da tradición oral e as diversas problemáticas que presentan.

A evolución dos contos

Segundo explica Helena Cortés no libro, dende a primeira edición dos contos, que data de 1812, ata a última, de 1857, produciuse unha evolución evidente: a selección dos contos variou, a colección foise ampliando, pasando dos 86 do primeiro volume aos máis de 200 da última edición, e, ademais, as variantes dalgúns contos foron mudando. Por outro lado, explica que o estilo literario tamén se modificou ata chegar ao que se coñece como “o xénero Grimm”, que se caracteriza por manter certas particularidades orais ao tempo que opta por trazos literarios que dotan de beleza os textos. No que se refire a esta colección inicial de 1812, os textos carecen da censura de edicións posteriores e caracterízanse por “unha universal ignorancia dos sentimentos relixiosos”, así como unha linguaxe máis ruda pero ao tempo máis fresca e espontánea.

Despexar mitos

Para Araceli González Crespán, este estudo realizado pola profesora Cortés permite “despexar algúns dos mitos arredor destes relatos que forman parte da tradición europea: non son contos orais, non son populares, non son para a nenez e non son alemáns”.

González Crespán explica nesta reseña.20 que os contos dos irmán Grimm non son populares, xa que os recollen principalmente do seu círculo de coñecidos, “case todas mulleres novas, burguesas, educadas, cultas e refinadas”. Posteriormente as historias pasan por un proceso de edición, reescrita e adaptación literaria e, engade, lonxe de ser xermánicos e representar así o espírito nacional, son parte dunha tradición europea. Sobre o público ao que van destinados, González Crespán remar que “a atrocidade das historias, a extraordinaria crueldade dalgúns personaxes ou a barbaridade das situación” fan que os nenos e nenas non sexan os destinatarios ideais dos contos. 

Tendo en conta todo isto, González Crespán convida a ler o libro “escoitando as voces que nos chegan de moi lonxe, aínda non tan matizadas pola pluma dos Grimm e de todos aqueles que as mutilaron para quitarlles o bravío pasándoas polo filtro dás convencións. Lede os contos de Grimm dun xeito distinto, tal e como nunca che foron contados”.

Sen instalación física

A instalación que habitualmente acompaña a cada edición de reseñas.20 e que adoita abrirse ao público na Biblioteca de Torrecedeira está, neste caso, suspendida por normativa covid-19. Con todo, a próxima cita con este proxecto de divulgación será xa en agosto e setembro con Las arquitecturas del deseo. Una investigación sobre los placeres del   espíritu, de Jose Antonio Marina.

Unha experta na lingua e literatura xermana

Helena Cortés Gabaudan é filóloga, tradutora e profesora de Filoloxía Alemá na Universidade de Vigo e experta xermanista. Entre 2005 e 2015 dirixiu diversos centros do Instituto Cervantes en Alemaña e como tradutora acredita unha longa e prestixiosa traxectoria, abordando obras de Johann Wolfgang von Goethe ou Friedrich Hölderlin. É membro electo da Academia Alemaña da Lingua e a Literatura, a cuarta española en conseguir este mérito.