DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Diferentes encontros con profesionais deste eido pechan as Conversas Empresa Universidade

Unha semana para afondar nos múltiples ámbitos do deseño

No marco das iniciativas do Campus Crea

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 30/11/2023

Co obxectivo de achegar o alumnado á realidade profesional en diferentes sectores, o Campus Crea promoveu nas últimas semanas, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo, as Conversas Empresa Universidade, un ciclo de encontros que se pecha nesta semana na Facultade de Deseño. Desta volta, faino combinando o achegamento aos seus diferentes ámbitos de traballo cunha vertente práctica, a través dunha serie de talleres que permiten ao alumnado da facultade iniciarse no deseño de embalaxe e editorial, así como na ilustración para moda.

Estas xornadas arrancaron este luns cunha conferencia na que Ricardo Tubío e Xabier Rilo, do estudio Cenlitrosmetrocadrado, presentaron algúns dos proxectos que realizaron ao longo de vinte anos e que lles levaron a ser recoñecidos en 2022 pola Xunta co Premio Galicia de Innovación e Deseño. Tras este relatorio, a actividade continuou co taller de deseño de embalaxe que impartiron luns e martes e que se viu sucedido este mércores e xoves por outro centrado no deseño editorial. Este corre a cargo de Cibrán Rico e Suso Vázquez, do estudio Desescribir, que previamente presentaron nunha conferencia o traballo que desenvolven nunha empresa que tamén foi recoñecida co premio Galicia de Innovación e Deseño, en 2011, ao que se suman outra serie de galardóns en certames de deseño, como os D&AD Awards de Londres ou PhotoEspaña. Finalmente, esta semana de actividades pecharase este venres cun workshop sobre ilustración para moda, a cargo da egresada de Esdemga Aura Aburto, que dende hai máis dunha década traballa como deseñadora de bolsos e accesorios para Bimba y Lola. 

Ademais de para formalos “en diferentes aspectos do deseño”, o obxectivo destas xornadas, como sinalou o decano comisario, Marcos Dopico, é que tamén sirvan ao alumnado da primeira promoción do Grao en Deseño “para orientarse a nivel profesional”, de cara a súa futura especialización. Así o destacou no acto inaugural desta actividade, celebrado o luns, no que participaron tamén o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa. Previamente, estas Conversas Universidade Empresa abordaran a realidade profesional nos ámbitos da fotografía, a creatividade publicitaria e a fisioterapia, nunha serie de encontros nos que participaron 15 profesionais e que tiñan como obxectivo que o alumnado puidese coñecer de primeira man o mercado laboral dos sectores nos que traballarán no futuro, como explicou Torres neste acto, no que Pedrosa puxo o foco na importancia de iniciativas que “conecten á comunidade universitaria co tecido empresarial”.