DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man do grupo de innovación docente Pra&Emp, Prácticas e Empresas de CC Económicas

Suma e segue nas actividades que apoian o alumnado na busca activa de emprego

Tras dous meses de actividades, mañá clausúrase o ciclo de conferencias en liña 'Xoves Empregables'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Académica
D. Besadío DUVI 16/11/2022

Medio cento de alumnas e alumnos da Universidade de Vigo, sobre todo dos mestrados impartidos na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, participaron este mércores no obradoiro de emprego Achegándonos ao mercado laboral, unha iniciativa impulsada polo grupo de innovación docente Pra&Emp, Prácticas e Empresas, co obxectivo de “axudar o alumnado dos últimos cursos dos graos e dos mestrados da UVigo a identificar e traballar as competencias transversais máis valoradas polas empresas, tanto nas entrevistas de selección de persoal como na realización das prácticas profesionais”, explica a profesora Rocío Rodríguez Daponte, coordinadora da xornada xunto con Pilar Piñeiro, docentes ambas do Departamento de Organización de Empresas e Marketing. “Organizamos este encontro con moita ilusión, sobre todo pensando no máis importante, que vos sexa útil”, recalcou Piñeiro.

A apertura do obradoiro, no salón de graos do centro, contou coa participación da vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade Natalia Caparrini, quen, ademais de felicitar ás coordinadoras pola posta en marcha desta iniciativa, ofreceulles ás persoas asistentes todos os recursos e ferramentas que desde esta vicerreitoría se poñen a disposición dos estudantes para facilitarlles a súa inserción no mercado laboral. Caparrini lembrou na súa intervención a definición do termo empregabilidade como algo que vai máis aló da capacidade de conseguir un emprego, falou do conxunto de actitudes e aptitudes que lle permiten a unha persoa conseguir un posto de traballo, mantelo e mellorar nel, adaptarse aos cambios e ser quen de facelo en calquera etapa da vida. “A empregabilidade está, por tanto, vinculada a un conxunto de factores persoais, de actitudes e aptitudes, que se poden aprender e adquirir e este é un dos obxectivos deste obradoiro”, salientou a vicerreitora, facendo así fincapé na importancia de participar en actividades que “faciliten adquirir e gañar este tipo de habilidades persoais”.

Charlas, simulacións de entrevistas...

Organizado con financiamento das axudas económicas para actividades formativas e de divulgación 2022 da Universidade de Vigo, xunto cunha achega do centro interuniversitario Ecobas e a colaboración da Fundación Ronsel, o taller arrancou coa mesa redonda Sabes o que demanda o mercado laboral? E o que ofrece?, moderada por Luis García  Deber, director de Ronsel, e na que se contou coa participación de tres mulleres con dilatada experiencia no ámbito da busca activa de emprego: Laura García, responsable de Recursos Humanos de Imatia; Maruxa Mantecón, directora da oficina de Randstad en Vigo e Belén Fernández, técnica superior de Orientación Laboral da UVigo.

De seguido tivo lugar unha nova charla, neste caso centrada nas competencias profesionais e a actitude persoal, da man da directora do centro Lingoreta, Diana Lameiro, e da directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Maruxa Álvarez. Tras estas charlas leváronse a cabo, a cargo do persoal da Fundación Ronsel, diferentes exercicios dinámicos, incluída a simulación dunha entrevista de traballo.

Clausura dos Xoves Empregables

Tras dous meses de charlas e actividades, esta semana celebrarase tamén a derradeira sesión da edición deste ano dos Xoves Empregables, un ciclo de conferencias en liña organizadas desde a Área de Emprego e Emprendemento co obxectivo de fomentar a empregabilidade de estudantes e persoas recén tituladas. A cita será mañá xoves ás 15.00 horas e coincidirá coa participación de Andrea Espiña, cofundadora e directora creativa na axencia Lachary e coordinadora de La Brand Building School. “Lachary é unha axencia que leva contas como o RC Celta, para quen deseñaron a campaña Afouteza coa que gañaron o Premio Nacional de Marketing,  e que tamén teñen clientes como Pizza Móvil, EnergyLab e Nida, entre outros”, salientaron desde a Área de Emprego e Emprendemento.

Titulada A vida despois da universidade, agora empeza o bo, a charla poderá seguirse a través de Campus Remoto -chave persoal (como estudante) JcBrz9ns-.