DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizados pola Deputación en colaboración co Centro de Linguas da UVigo

Trinta persoas participan en Vigo e Pontevedra en dous cursos de español para persoas inmigrantes

O obxectivo é a preparación da proba DELE de español, imprescindible para obter a nacionalidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Internacional
  • Cultura
M. Del Río DUVI 05/09/2022

Este luns arrancaron en Pontevedra e Vigo os dous cursos de español para persoas inmigrantes cos que se pecha a sexta edición deste programa que desenvolve a Deputación en colaboración coa Universidade de Vigo. O obxectivo é formar a estes alumnos e alumnas de cara a presentarse aos exames do Diploma de Español como Lingua Estranxeira de nivel A2, un requisito imprescindible para obter a nacionalidade española. En total, son 30 as persoas que realizan esta acción formativa e que hoxe recibiron a visita da presidenta provincial, Carmela Silva, que quixo subliñar “o enorme esforzo” do alumnado por participar nestes cursos e a súa implicación. Silva lembrou que nas distintas edicións deste curso participaron arredor de 300 persoas, cunha “aplastante maioría” de aprobados, preto do 90%. 

O alumnado deste curso, que en Pontevedra se desenvolve no Edificio Administrativo e en Vigo na sede da Deputación, procede de Marrocos, Brasil, Senegal, Mauritania, Nixeria, Portugal e Ucraína, con maioría de mulleres.  Carmela Silva amosouse encantada de “que saiban que teñen que ocupar o seu espazo e que é necesario avanzar todas e todos. O noso traballo é escoitar á xente e intentar mellorar a súa vida e para iso é para o que debemos estar”. A docencia do curso correrá a cargo de Lorena Rodríguez, mentres que a responsable da dirección será a coordinadora académica do Centro de Linguas da Universidade de Vigo, Mercedes Álvarez.

A presidenta provincial tamén incidiu en que nesta edición ofrécese ás persoas que están traballando a posibilidade de realizar o curso en remoto, co apoio do profesorado. Igualmente, é posible que poidan levar aos seus fillos e fillas, para facilitar a corresponsabilidade familiar. “Estou moi orgullosa do esforzo que facedes para avanzar”, engadiu Carmela Silva, xa que “o mundo cambia coa xente que é optimista e loita polo que desexa, e todos e todas podémolo facer, aínda que somos moi conscientes das dificultades”.

Os dous cursos finalizarán o 30 de setembro, e despois o alumnado poderá presentarse ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo. Para as persoas que  realizaron o primeiro curso desta sexta edición, celebrado en Vigo entre maio e xuño, xa hai data para a avaliación, os días 8 e 9 de setembro.

Un requisito imprescindible para obter a nacionalidade

O diploma DELE é un requisito indispensable para acadar a nacionalidade española pero, para obtelo é preciso contar cunha preparación previa e ten un custo económico alto, o que pode favorecer procesos de exclusión social. Para tratar de facilitar este trámite, a Deputación en colaboración coa Universidade de Vigo puxo en marcha este programa, que subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no exame.

 Nos exames do pasado ano, aos que se presentaron 44 persoas, houbo un 95,45% de persoas aprobadas, a maioría procedente de Marrocos, Brasil e Senegal.