DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Traballarase na posta en marcha da futura Facultade de Deseño e Creación en Pontevedra

A Universidade de Vigo arranca o curso do seu 30 aniversario

Estréanse tres graos co 80% da docencia en galego e increméntanse un 11% as materias en inglés

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 09/09/2019

O verán vai esmorecendo ao tempo que os tres campus da Universidade de Vigo van recuperando o seu rebulir habitual, con actos de presentación e cursos 0. Tras as xornadas de benvida que se celebraron a pasada semana para o alumnado de novo ingreso nas que participaron máis de 2000 persoas, o curso académico 2019/2020 arrancou oficialmente este luns, un curso no que a institución viguesa cumpre trinta anos de vida. 

O primeiro cuadrimestre estenderase ata o 24 de xaneiro, mentres que o segundo comprende do 27 de xaneiro ao 5 de xuño. Ao longo destes meses, a institución deberá desenvolver os trámites para a posta en marcha en Pontevedra da nova Facultade de Deseño e Creación, na que se impartirá a partir do curso vindeiro (2020-2021) o Grao en Deseño e Creación. Neste ano tamén se desenvolverá o proceso de acreditación dos campus de especialización da UVigo: Campus da Auga, Campus Crea e Vigo Tecnolóxico.

O curso no que estrean tres graos co 80% en galego

Unha das principais novidades deste curso académico é a posta en marcha dunha medida que a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística cualifica como “histórica”, a impartición do 80% de tres graos en galego: Comunicación Audiovisual, en Pontevedra e Educación Infantil e Educación Primaria en Ourense. 

No que respecta ás demais titulacións, este curso comeza sen grandes novidades, como explica o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos. “Tanto os dous mestrados como un programa de doutoramento que tiñamos previsto que arrancasen este curso retrásanse ao próximo por problemas diversos, aínda que os tres están avaliadas positivamente as memorias por parte da ACSUG”. A única novidade é o Máster en Xestión e Dirección de Sistemas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e Seguridade da Información que se estrea no Centro Universitario da Defensa de Marín. 

Por outra banda, da oferta da Universidade de Vigo desaparece o dobre grao ADE/Enxeñaría Informática en Ourense, así como tres mestrados, “dous por falta de demanda e outro por decisión do propio centro que o viña impartindo”, explica Ramos. No que se refire a titulacións propias, botan a andar neste curso o título de Especialista en Desenvolvemento de Software e Negocio Dixital, que será o primeiro título propio que contemple prácticas en empresa; o título de Especialista en Electrónica para Compoñentes de Automoción; o curso de Especialista en Delegado de Protección de Datos e o curso de especialista en Tecnoloxías de Quinta Xeración (5G). 

Máis docencia en inglés e 1º catálogo de materias English Friendly

Este curso increméntase tamén nun 11% a oferta de materias en inglés dos diferentes graos e mestrados, superando xa as máis de 200 e, por primeira vez, lánzase un catálogo English Friendly, disciplinas nas que a lingua vehicular é o castelán e/ou o galego, pero nas que os seus docentes se comprometen a que o alumnado poida acceder na lingua de Shakespeare non só á guía docente, senón tamén ás titorías, ás diferentes probas de avaliación e a que se lles faciliten neste idioma materiais e referencias bibliográficas para o seguimento da materia. Esta aposta, pioneira na universidade galega, busca converterse nunha ferramenta máis dirixida a facilitar a integración do alumnado internacional na propia Universidade de Vigo, unha axuda non só para o estudantado de fala inglesa, senón para calquera moza ou mozo europeo ou asiático que queira mellorar o seu español pero coa seguridade de que non vai ter problemas para realizar o seguimento das clases.

Festas “socialmente responsables” e novas accións de voluntariado 

Tamén relacionado co ámbito internacional, desde a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, a vicerreitora Maribel Doval adianta que este curso van organizar unha serie de eventos ou actos dedicados a cada un dos países dos que procede o alumnado estranxeiro. “A idea é facer o Día de Alemaña, de Italia, de México... e que sexan as propias alumnas e alumnos deses países os que propoñan actividades, actividades que deberán levarse a cabo coa colaboración do alumnado local”, salienta a vicerreitora, ao que engade que tamén se van organizar diferentes festas de carácter “socialmente responsable, nas que, por suposto, non se venderá alcol e nas que se contará co correspondente punto lila”. Por outra banda desde esta vicerreitoría, vanse promover novas accións de voluntariado en coordinación cos institutos de ensino secundario do sur de Galicia e impulsaranse os tándems lingüísticos nos tres campus.

Formación dentro e fóra das aulas no campus pontevedrés

“Estamos preparados para darlle a novo alumnado uns servizos da maior calidade posible nunha universidade do século XXI”, salienta o vicerreitor Jorge Soto neste primeiro día do curso. Con ese propósito, apunta como un dos obxectivos “incentivar todas aquelas actividades culturais e deportivas que contribúan a que a Universidade, máis aló das clases, sexa tamén un espazo vital”. Remarca tamén que “incrementar a actividade do Green Campus” ou continuar “fortalecendo os vínculos coa cidade e as súas institucións” son outros dos obxectivos para este curso 2019/2020, “no que estaremos tamén ao carón da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que celebra o seu 25 aniversario”. Por outra banda, Soto subliña que “a Vicerreitoría traballa desde hai meses no proceso de acreditación do Campus Crea”, á vez que nos próximos meses se avanzará na habilitación das plantas reservadas á institución académica no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal, unha vez se asine o convenio de colaboración para o seu acondicionamento e cesión.

Un inicio “ilusionante” en Ourense

“Está sendo un inicio de curso moi ilusionante”, explica Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, lembrando o éxito das xornadas de acollida para o alumnado de novo ingreso celebradas a pasada semana. Sobre as previsións para o curso que agora comeza salienta que “un dos grandes retos” será a acreditación da especialización do campus de Ourense, o Campus da Auga. “Xa estamos a traballar de cheo neste proceso”, indica Esther de Blas. En relación con esta especialización a vicerreitora apunta como este curso académico comezará a actividade nas instalacións do edificio do Campus da Auga, onde tamén se impartirá docencia do grao de Enxeñaría Aeroespacial, que este curso presentará a súa primeira promoción formada na Universidade de Vigo. “Agardamos que este curso académico que comeza sexa proveitoso e frutífero para todas e todos, tanto en estudos como na formación integral que debe ofrecer unha universidade ao seu alumnado”, apunta por último a vicerreitora do Campus de Ourense.