DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofrece 12 semanas de formación con especialistas internacionais totalmente de balde

A UVigo súmase ao programa de emprendemento Explorer do Banco Santander

Na pasada edición participaron neste programa 1.045 ideas de negocio de 75 universidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/12/2022

A Universidade de Vigo acaba de sumarse ao programa de emprendemento Explorer do Banco Santander converténdose así en Explorer Space e facilitando a participación do seu alumnado nunha iniciativa que se lanzou por primeira vez no ano 2009 e na que se levan impulsado preto de 10.000 proxectos empresariais procedentes de Arxentina, Brasil, Chile, México, España, Portugal, Reino Unido e Uruguai. Trátase dun proxecto de apoio ao emprendemento de mozas e mozos con ideas empresariais en fase de preincubación de 10 países, sumando nesta nova convocatoria a Estados Unidos e Alemaña.

Cun enfoque práctico e baseado en dinámicas de aprendizaxe social, Explorer ofrece 12 semanas de formación totalmente de balde na que as e os participantes poderán conectar cunha comunidade internacional de networking, recibir formación por parte de especialistas, validar a súa idea de negocio e desenvolver as habilidades necesarias para transformala nunha solución viable e sostible. As persoas interesadas en participar teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro xoves 22 de decembro. Neste senso, dende a Área de Emprego e Emprendemento lembran que hai a posibilidade de apuntarse individualmente ou en equipo -ata un máximo de cinco persoas- e que o programa é compatible con outros proxectos de axuda ao emprendemento, caso das diferentes axudas Incuvi, e poderá recoñecerse como créditos ECTS.

Explorer Trip nun hub de innovación europeo

Do 30 de xaneiro ao 30 de abril de 2023, as mozas e mozos seleccionados terán a oportunidade non só de falar e formarse sobre emprendemento, senón tamén, caso de ser seleccionados, de amosar as súas ideas ante fundadores de startups e especialistas de relevancia internacional. O momento cumio chegaralles no Explorer Trip, que nesta ocasión se organizará na cidade de Valencia, e no que durante unha semana os emprendedores intercambiarán experiencias nun recoñecido hub de innovación europeo e poderán actuar entre eles en persoa. 

Na pasada edición participaron neste programa un total de 1.045 ideas de emprendemento de 75 universidades, elevándose a participación feminina ata o 42,6%, superando así a media de convocatorias anteriores -en torno ao 30%-.

Os Santander X Award Spain veñen de premiar un proxecto nado na UVigo

Explorer forma parte de Santander X, unha iniciativa global de emprendemento do Banco Santander que axuda a startups, microemprendedores e pemes a obter información e conectalos cos recursos que precisan para medrar. “A traxectoria ideal dun emprendedor dentro do Santander Universidades e de Santander X en particular comeza co Santander Explorer, que lles achega non só as ferramentas e o networking necesario para armar o seu proxecto con solidez, senón tamén a certeza de que emprender non só é posible, senón que é máis viable do que creen”, tal e como afirmou na presentación desta edición Diego Calascibetta, director global de Emprendemento de Santander Universidades.  

Entre as múltiples iniciativas de Santander X atópanse os Santander X Award Spain, galardóns que distinguen as mellores iniciativas de emprendemento universitario en España e que nesta edición –entregáronse o pasado 29 de novembro- recoñeceron co seu 2º premio a Vi&Go, unha iniciativa emprendedora posta en marcha por estudantes da Universidade de Vigo ao abeiro das axudas Incuvi e que pon enriba da mesa unha innovadora solución de carga, monitorización e xestión de baterías de microvehículos eléctricos de dúas ou tres rodas, é dicir patinetes, bicis, motos, etc.