DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na xuntanza bianual do programa de doutoramento do Campus do Mar

Unha vintena de estudantes predoutorais de Galicia e Portugal reúnense en Baiona no Do*Mar Student’s Day

Presentan o seu plan de investigación e tamén participan en actividades de convivencia e lecer

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • HRS4R
  • Investigación
  • Académica
DUVI 22/06/2023

O Campus do Mar volve reunir o estudantado do seu programa de doutoramento no Do*Mar Student’s Day, un encontro de convivencia que se celebra de xeito bienal e que, nesta ocasión, ten como sede a Casa da Navegación, en Baiona. Ao longo do día de hoxe e mañá, o persoal investigador presenta, de forma breve, o seu plan de tese ante os seus compañeiros e compañeiras, ademais de compartir un programa de actividades complementarias fóra da contorna académica para fomentar que os participante se coñezan entre si e favorecer a creación de vínculos de traballo: iniciación ao paddle surf, roteiros pola baía de Baiona e visitas á zona vella da localidade. O evento complétase cunha conferencia do investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) Pablo Otero sobre recollida de datos e a importancia de estes sexan realmente axeitados. No relatorio, que terá lugar mañá venres ás 10.00 horas, achegará unha visión diferente sobre o que suporá para o traballo futuro deste persoal investigador a ciencia aberta ou Open Science.

En total, participan neste evento 18 estudantes das universidades de Vigo, A Coruña, Aveiro, Porto, Trás-os-Montes e Alto Douro e do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC. As xornadas comezaron coa benvida do director do Campus do Mar e do Centro de Investigación Mariña (CIM), Daniel Rey, que destacou a importancia deste evento como “unha oportunidade para compartir inquedanzas e coñecer o traballo que está realizando cada un no seu ámbito”. Daniel Rey aproveitou o momento para presentar o Campus do Mar incidindo en que o programa de doutoramento é unha ferramenta importante para “impulsar a investigación pero tamén a innovación e a transferencia de coñecemento mariño”. Igualmente, recalcou que “as xornadas ofrecen a posibilidade de desenvolver redes de traballo entre os participantes” e asegurou ao respecto do estudantado que “seredes brillantes e ocuparedes posicións relevantes na investigación mariña e na súa aplicación e transferencia respecto da explotación sostible dos océanos”.

Na presentación das xornadas estiveron presentes algúns dos membros da comisión académica do programa como a investigadora da UVigo Asunción Longo; os investigadores do CIM José Luis Soengas e Cristina Sobrino; e o vicedirector de Cultura Científica do IIM Jose Pintado. Durante a benvida, a coordinadora do doutoramento e investigadora do CIM, Ana Bernabeu, remarcou que esta iniciativa supón “unha diferencia fronte ao resto de programas similares que existen, ofrecendo unha forma de conectar aos estudantes de doutoramento dos primeiros anos cos seus compañeiros e compañeiras, achegando temáticas e metodoloxías moi diversas, todas centradas no ámbito mariño”. Ademais, recalcaba, “favorece o debate e a discusión científica, fomenta o pensamento crítico e, sobre todo, facilita a colaboración, potenciando a multidisciplinariedade, un dos sinais de identidade do programa”.

Ana Bernabeu animou aos participantes a preguntar e a interesarse polo traballo dos demais porque “é importante cuestionarse a un mesmo e afondar no que se está a facer neste ámbito”. A coordinadora puxo en valor a conferencia de Pablo Otero, xa que ofrecerá unha boa oportunidade para “abrir a mente e descubrir a importancia do Open Science”. Por outra banda, avanzou que “na mesa redonda de mañá haberá oportunidade para compartir opinións sobre o programa Do*Mar, co fin de melloralo de cara a seguir logrando que o 95% das persoas que pasaron polo mesmo estean traballando”.

Doutoramento internacional e transfronteirizo

O doutoramento Marine Science, Technology and Management, Do*Mar, é un programa internacional e transfronteirizo que nace dentro do Campus do Mar e que ofertan as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, xunto coas de Aveiro, Minho, Tras-os-Móntes e Alto Douro e Porto. Ademais destas universidades, participan os centros de investigación mariña do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) en Galicia: Instituto de Investigacións Mariñas e os centros oceanográficos da Coruña e Vigo do Centro Nacional Instituto Español de Oceanografía.

A súa misión é formar os mellores profesionais e investigadores no ámbito das ciencias, tecnoloxías e xestión do mar nas súas diferentes aplicacións científicas, técnicas, económicas e sociais, que xere investigación de calidade e impacto internacional e que proporcione á industria as mellores ferramentas para mellorar a súa competitividade a escala global.

O encontro Do*Mar Student’s Day organízase de xeito bianual e ata o momento celebráronse catro edicións: Student’s Day 2014 en Peniche en 2014;  Student’s Day 2016 en Aveiro en 2016; Student’s Day 2018 en Vigo; e Student’s Day 2021 organizado pola Universidad de Minho que, debido á situación de pandemia, se celebrou de modo virtual.