Despois de dous meses de intervención arqueolóxica, o campamento romano da Ciadella, no concello coruñés de Sobrado, comeza a renacer baixo a vexetación. Desde o pasado 2 de marzo, un equipo de arqueoloxía e conservación-restauración da Universidade de Vigo desenvolve un proxecto que, impulsado pola Xunta de Galicia, pretende afondar no coñecemento deste asentamento militar construído no século II despois de Cristo. “Logo de dous meses de traballo, cun parón de tres semanas pola pandemia da COVID-19, xa se aprecian os importantes avances dos traballos da fase de escavación”, comenta Adolfo Fernández, director do proxecto e membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo.
22/05/2020