Había moitas expectativas e non defraudou. O público arroupou a Leo Bassi na estrea da programación cultural e foi o seu cómplice en todos os ‘xogos’ que propuxo. Cunha provocación sofisticada e un discurso amplo, chegou ao campus en plena campaña electoral para repasar en algo máis de hora e media o mellor do seu repertorio e, nin a relixión, nin a banca, nin o capitalismo, nin a propia política escaparon á crítica libre dun cómico que coñece o oficio como poucos. Foi unha tarde dedicada ao humor na que, pese a todo, os asistentes saíron do espectáculo con esperanza no futuro e, sobre todo, moitas ganas de rir.
17/10/2012