Mellorar as ferramentas de recuperación de información para que os buscadores como Google funcionen con eficacia e flexibilidade grazas ao procesamento da linguaxe natural é o principal obxectivo no que o grupo Compiladores e Linguaxe, Cole, vén traballando dende hai 15 anos. Neste tempo, levou a cabo trinta proxectos oficiais en convocatoria competitiva tanto nacional como internacional, así como outros tantos contratos con empresas e institucións. Ademais, un amplo abano de traballos científicos, con centos de artigos publicados nos foros internacionais máis prestixiosos, avalan o seu traballo.
O grupo Cole pertence e lidera dende a súa creación a Rede Galega de Procesamento da Linguaxe e Recuperación de Información, financiada pola Xunta de Galicia, formada por sete grupos de investigación das tres universidades galegas, dous deles da de Vigo: Cole e o de Gramática Cognitiva e Funcional. Trátase dunha rede multidisciplinar que reúne o traballo dun conxunto de informáticos, que afondan no desenvolvemento de arquitecturas, e lingüistas que formalizan o problema para a recuperación de información en dicionarios, xestión documental, e categorización de documentos aplicado a busquedas rápidas en Internet.
13/05/2008