Este mércores e xoves ás 13.00 horas no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución
12 egresadas do campus participarán nunha xeira informativa sobre as saídas laborais dos estudos de galego
Investigación, docencia, asesoramento lingüístico, xestión cultural... Son ben diversas as saídas laborais que teñen por diante as e os titulados de estudos de galego na Universidade de Vigo. Para explicar todas elas e detallar todas as súas posibilidades, esta semana a Facultade de Filoloxía e Tradución acolle unha xeira informativa organizada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina, onde antigas estudantes do centro explicarán ao actual alumnado cales son as saídas posibles no mundo laboral.
As xornadas terán lugar este mércores e xoves de 13.00 horas a 14.00 horas no salón de graos do centro. As encargadas de abrilas será Marinha Paradelo, Julieta Insagaray e Iria Custodio, graduadas en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, que falarán sobre a oferta de mestrados que ofrece a UVigo para cursar ao rematar o grao, en concreto sobre o máster de profesorado. De seguido, Andrea González Pereira, licencia en Filoloxía Galega e técnica de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, que explicará ao alumnado como é o proceso de acceso e o traballo que se realiza neste tipo de servizos. A terceira vía que se abordará nesta primeira xornada será a da investigación. Para falar sobre esta opción estarán María Bará, graduada en Ciencias da Linguaxe e investigadora no Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades, e Reyes Rodríguez, doutora pola UVigo e investigadora no Instituto da Lingua Galega. O programa do primeiro día pecharase coa intervención de Andrea Expósito, graduada en Estudos de Galego e Español e profesora no IES Pedro Floriani, que abordará o proceso de oposicións e a docencia en ensino medio.
Na xornada do xoves tamén se falará sobre os estudos de máster, desta volta da man de Aroa Vázquez, graduada en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, que falará sobre o Mestrado Interuniversitario de Lingüística Aplicada. Outra opción ao rematar os estudos e continuar polo camiño da investigación realizando o doutoramento e investigando na propia Universidade, opción sobre a falará Antía Monteagudo, graduada en Estudos de Galego e Español e actualmente estudante de doutoramento. Tamén existe a posibilidade de converterse en lectora de lingua galega, e sobre esta alternativa disertará Lucía Salceda, graduada en Ciencias da Linguaxe e na actualidade lectora na Universidade do Algarve. Pechará esta segunda xornada e o ciclo en xeral Clara Seco, graduada en Ciencias da Linguaxe, que analizará as posibilidade de desenvolvemento persoal que ofrece o sector cultural.