Súmate ao GALEGO DE TRANQUIS!

UVigo - ANL 18/10/2023

Queres comezar a falar e a escribir en galego?

Pois de tranquis! Sen atafegos e sen présas. Marca o teu ritmo e no contexto que desexes. Queres comezar só a falalo cun par de persoas? Perfecto! Prefires comezar a ter unha vida 100 % en galego? Adiante! Ti marcas o teu ritmo. Explícallelo ás persoas coas que fales e listo! Que un día non te ves para empregalo? Pois xa o farás outro día! Non te preocupes e goza do proceso.

Coñeces a alguén que quere ou está comezando a falar ou a escribir en galego?

Podes preguntar de xeito delicado se precisa axuda ou algún tipo de reforzo e non andes corrixindo se non cho pide. Axuda, con comprensión e bo ánimo. Se alguén o fai amodo ou só nalgunhas situacións, deixa que pouco a pouco gañe confianza e avance. Deixa que entre na súa e na túa zona de confort: o galego.

De tranquis nas redes

Queres comezar a usar o galego nas túas redes sociais? Emprega o cancelo #GalegoDeTranquis nos teus contidos ou na túa bio para indicar que vas comezar a empregar o galego e agradeces que a túa comunidade de seguidoras e seguidores vaian de tranquis contigo. Tamén podes empregar o cancelo #GalegoDeTranquis se queres indicar que, se alguén quere comezar a falar o galego contigo, o pode facer sen problema, que te adaptarás e lle farás o proceso máis agradable.

Unha campaña da Área de Normalización Lingüística

Esta é a campaña que desde a Área de Normalización Lingüística lanzamos para promover e facilitar a dar o paso a vivir en galego entre o estudantado e toda a comunidade da Universidade de Vigo. 

 

Máis información:

Área de Normalización Lingüística
Edificio Newton
Facultade de Filoloxía e Tradución
As Lagoas, Marcosende
+34 986 813 574
anl@uvigo.gal