O mar proporciona en Europa millóns de empregos e importantes oportunidades de desenvolvemento económico e social. Potenciar, protexer e fortalecer todos os sectores relacionados co eido marítimo é o obxectivo polo que traballan, da man, algunhas das universidades, consorcios e centros de investigación máis punteiro de Europa, entre eles o Campus do Mar. Trátase de unir forzas para que a Unión Europea poña en marcha un Knowledge and Innovation Communities mariño. Para iso reuníronse esta semana en Bruxelas representantes das institucións promotoras desta iniciativa con europarlamentarios de España, Portugal, Alemaña e Grecia, entre eles varios galegos. Segundo explica o director do Campus do Mar, Emilio Fernández, “trasladámoslle a nosa proposta para que sexan eles os que ante a Comisión Europa defendan a necesidade de crear un KIC-Mariño”, unha agrupación de coñecemento e innovación, centrada no desenvolvemento sostible dos recursos mariños.
01/06/2012