Máis dunha vintena de empresas achegaranse ao campus vigués para participar no IX Foro Tecnolóxico de Emprego do 31 de marzo ao 2 de abril. “Acercar o mundo laboral aos futuros enxeñeiros e titulados é o principal obxectivo das xornadas”, explica Vicente Vázquez, coordinador xeral do foro. As escolas de Telecomunicación, Minas e Industriais acollerán durante estes días conferencias, stands, presentacións, workshops, coffee breaks e mesas redondas nas que as empresas darán a coñecer á comunidade universitaria a súa estrutura, dinámica de traballo, liñas de mercado, produtos e actividade de I+D+i.
Ademais, durante o evento, os alumnos dos últimos cursos poderán entregar o seu currículo ás empresas. Para axilizar os procesos de selección, a organización, composta polas delegacións de alumnos das tres escolas implicadas, porá a disposición das mesmas todos os medios necesarios para a realización de test psicotécnicos, dinámicas de grupo, entrevistas persoais ou calquera outra proba que considerase de interese par avaliar aos candidatos.
16/03/2009