Unha grandiosa obra dramática e un compromiso humano e vital inesquecibles fixeron que neste 2013 se lle dedique o Día das Letras Galegas ao escritor, actor e autor de teatro Roberto Vidal Bolaño. Cando chega o día grande da homenaxe, este 17 de maio, a Universidade de Vigo súmase ás moreas de actividades que por todo o país e alén das nosas fronteiras lembran a súa figura. Adiantándose á celebración o vindeiro venres do acto institucional de conmemoración desta data, o profesor Xosé Henrique Costas lembra neste artigo de opinión a figura do que denomina “un dramaturgo crítico e retranqueiro”, “un home polifacético ligado á emerxencia do sistema teatral galego, incompresible sen as súas achegas”.
Autor de referencia para o teatro, o audiovisual e a cultura galega en xeral, Vidal Bolaño falece no 2002 con tan só 52 anos cando estaba no mellor da súa vida creativa. Xosé Henrique Costas lembra neste artigo como, ao pouco de producirse esta morte tan extemporánea, o Consello de Goberno da Universidade decidiu bautizar o teatro do campus de Vigo como Teatro Roberto Vidal Bolaño.
16/05/2013