O crecente interese do sector empresarial galego polas Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial, JAI 2010, queda patente na súa cuarta edición ao igualarse por primeira vez o número de estudantes e de representantes deste ámbito. En cifras globais, os relatorios, que se celebrarán do 15 ao 19 de novembro no Centro Social Caixanova, contarán coa participación de preto de corenta docentes da Universidade, máis de douscentos alumnos e outros tantos profesionais do sector. “Estes datos poñen de manifesto a relevancia das xornadas, o que nos permite achegarnos a un dos obxectivos que nos propuxemos dende o comezo: lograr a paridade na presencia do alumnado e da empresa”, explica o profesor José Ignacio Armesto, coordinador do evento.
As JAI 2010 contan co patrocinio de institucións e entidades como o Igape, a Xunta, o Porto, o Ministerio de Educación e Caixanova.
28/10/2010