“A Facultade de Belas Artes foi un espazo permeable no que as influencias recíprocas facilitaron que en poucos anos se asimilaran grandes cambios no campo da arte en Galicia”, sostén a investigadora Vanesa Díaz, que centrou a súa tese de doutoramento na análise das obras realizadas por unha xeración de novos e novas artistas “que se coñeceu e se deu a coñecer” na facultade do campus pontevedrés. Unha “xeración sen nome” á que Díaz dedica unha investigación con dous obxectivos, “ensaiar unha modalidade posible de escritura e lectura das obras contemporáneas”, centrándose precisamente no contexto máis próximo, e, por outra banda, trazar os “primeiros apuntes” do discurso dunha "realidade complexa, poliédrica e radicalmente actual”, o discurso dunha xeración que vincula cun “auxe sen precedentes da arte en Galicia”.
15/03/2016