Nunha reunión celebrada este venres no Edificio de Ferro
O Campus Auga estreita a súa colaboración con colexios oficiais e asociacións de profesionais no eido da saúde
O obxectivo é a posta en marcha accións formativas mixtas o vindeiro ano
A Vicerreitoría do campus de Ourense acolleu este venres unha xuntanza entre representantes de colexios oficiais e asociacións de profesionais do eido da saúde e persoal investigador da Universidade de Vigo que tivo como obxectivo pór en marcha sinerxías de colaboración, especialmente no eido formativo. A iniciativa foi impulsada pola Área Termal da Axencia de Turismo de Galicia e enmárcase no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga, que ten entre os seus focos de interese o termalismo.
A reunión contou coa participación por parte da Universidade de Vigo de Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, e do persoal investigador da Facultade de Ciencias Pedro Araújo, María José Pérez (decana tamén deste centro) e Elena Falqué, en representación dos grupos de investigación que no campus de Ourense traballan de xeito máis directo en temas relacionados con termalismo e saúde. Por parte dos colexios profesionais estiveron Santiago Leyes e Carmen Gallardo, presidente e vicepresidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense; Ascensión Pérez, presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense; Julio Jiménez, en representación do Colexio Oficial de Médicos de Ourense; e un representante do Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense. Tamén estiveron Pablo García, Cristina Conde e Cristina Margusino, presidente e vicepresidentas respectivamente da asociación Ourensividad, entidade posta en marcha este ano por profesionais e asociacións de distintas áreas co obxectivo de promover Ourense como capital da lonxevidade e pór o foco no impacto que ten nela aspectos como os hábitos saudables e a alimentación. Completou a mesa Natalia Silva, farmacéutica especializada en dermofarmacia e termalismo.
“Unha parte moi importante do noso proxecto de especialización Campus Auga é o termalismo. No campus de Ourense temos grupos de investigación que traballan desde hai moitos anos en temas como as surxencias, a análise microbiolóxica das augas e as súas propiedades e sobre o aproveitamento das augas termais para, por exemplo, elaborar produtos de cosmética”, explicou Francisco Javier Rodríguez Rajo. Neste contexto, o vicerreitor sinalou o interese da institución académica en que as entidades e colexios profesionais do eido da saúde coñezan o Campus Auga e as liñas de investigación existentes no campus de Ourense que poidan ser do seu interese e poder así abrir vías de colaboración. “Para o Campus Auga supón unha oportunidade moi boa poder traballar con profesionais de todas as ramas da saúde implicados en termalismo e en calidade de vida”, afirmou sobre a xuntanza mantida este venres. Concretamente, adiantou, a idea é traballar na posta en marcha en 2024 de cursos “de docencia mixtos, entre Universidade e profesionais, para darlle máis visibilidade e empuxe ao termalismo”.
Formación e transferencia
Esta iniciativa enmárcase no proxecto de especialización Campus Auga, que promove, desde un enfoque multidisciplinar, actividades docentes, investigadoras e de transferencia de coñecemento en temáticas da auga, xerando sinerxías e liñas de actuación conxuntas entre persoal investigador e implicando, como socios estratéxicos, a axentes sociais e económicos e administracións públicas. Entre os obxectivos do Campus Auga están a formación, buscando ofrecer una formación avanzada e de calidade en disciplinas relacionadas coas temáticas da auga; e a transferencia de tecnoloxía e coñecemento científico cara aplicacións prácticas que sexan útiles para a contorna. Entre as súas liñas de especialización temática teñen un protagonismo destacado o termalismo, a investigación aplicada sobre augas termais e mineromedicinais e a calidade da auga, entre outros aspectos.