DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través de dous seminarios de carácter virtual, que terán lugar o 23 e 28 de xuño

Dirección e Xestión Pública busca reunir a súa comunidade alumni e promover estudos centrados na Unión Europea

Organizados pola facultade e a Cátedra Jean Monnet ‘Institucións Europeas e Cidadáns’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Estudantado
  • Investigación
  • Académica
DUVI Pontevedra 21/06/2023

Con motivo da conmemoración do Día das Nacións Unidas para a Administración Pública, a Facultade de Dirección e Xestión Pública promove este venres 23 de xuño un encontro virtual dirixido a reunir egresados e egresadas das súas diferentes titulacións e pór en marcha a súa propia comunidade alumni. Farao nun seminario programado para as 17.00 horas no salón de actos virtual da facultade no Campus Remoto da UVigo, onde o mércores 28 terá lugar tamén o Obradoiro sobre a Unión Europea da era dixital: unha alternativa para os investigadores mozos. Enmarcado nas actividades da Cátedra Jean Monnet que dirixe o profesor desta facultade Celso Cancela, o obxectivo deste seminario e achegar a estudantes ou investigadores unha serie de recursos e ferramentas que lles permitan tanto centrar os seus traballos e investigacións na UE, como incorporar a estes as implicacións que as políticas e normativas comunitarias teñen en múltiples ámbitos.

Un espazo de conexión cos egresados e egresadas

En 2021, a Universidade de Vigo puña en funcionamento a Comunidade Alumni-UVigo, un servizo co que se articulaba un novo espazo de comunicación entre a institución académica e os seus titulados e tituladas, que conta na actualidade con máis dun milleiro de persoas inscritas. Esta plataforma serve como punto de partida para á posta en marcha “dunha comunidade específica de alumni DXP”, como explica o decano, Enrique Varela. Co obxectivo de impulsar esta iniciativa, coincidindo coa conmemoración do día que á ONU dedica á administración pública, este venres 23 ás 17.00 horas ten lugar un seminario virtual, no que o decano e o profesor da facultade Ignacio Nicolás Fernández presentan esta iniciativa. 

Como explica Varela, a idea é que aqueles inscritos e inscritas na Comunidade Alumni-UVigo interesados poidan tomar parte nunha iniciativa que busca conectar á facultade cos “varios centenares de alumnos e alumnas” formados tanto no grao e na anterior diplomatura, como no Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional. De feito, o propósito deste seminario é tanto impulsar “unha comunidade que non existía”, como coñecer as necesidades e intereses das e dos participantes de cara a definir un “programa de actuacións para o curso 2023/2024”. Nese senso, explica Varela, a idea deste seminario é que sirva como punto de partida para definir “propostas de actividades de formación ou de divulgación” orientadas a un colectivo “que atesoura moito valor”. 

Investigacións que incorporen a "dimensión europea"

O mércores seguinte, a actividade virtual da facultade continúa cun obradoiro inserido na Cátedra Jean Monnet Institucións Europeas e Cidadáns: adaptar a Unión Europea aos desafíos da dixitalización. Con inscrición gratuíta e aberto a un máximo de 25 persoas, este seminario de tres horas busca pór o foco en como “o desenvolvemento acadado pola UE” en múltiples ámbitos fan “cada vez máis necesario incorporar a dimensión europea nas distintas áreas de investigación”, como sinala Cancela, director desta cátedra financiada pola Comisión Europea. “O obxectivo desta actividade é a presentación de posibles obxectos de estudo e investigación vinculados coa UE”, sinala dunha iniciativa dirixida a estudantes de grao, mestrado ou doutoramento. 

Non en van, explica, búscase que este seminario non só sexa de utilidade a aqueles e aquelas que queiran centrar os seus estudos nas políticas ou institucións comunitarias, senón servir tamén como “fonte de inspiración e orientación” para traballos de múltiples eidos. Desde o medio ambiente á enerxía, pasando polas telecomunicacións, lembra Cancela, a UE está presente “de maneira directa ou indirecta” en múltiples campos, de tal xeito que o propósito desta actividade é contribuír á que a “dimensión europea” poida incorporarse tanto a futuras teses de doutoramento, como a traballos de fin de grao e fin de mestrado. Con esa idea, Cancela achegará neste obradoiro un breve achegamento a UE, para logo presentar aos e ás participantes “posibles campos de investigación” e mostrarlles unha serie de fontes e recursos onde atopar información, como a base de datos Eurostat. Finalmente, a actividade complétase cun apartado centrado nas bolsas e axudas á investigación impulsadas pola UE. 

Inserida nas actividades dunha cátedra dirixida a afondar nos efectos da dixitalización sobre os servizos públicos e a soberanía das institucións comunitarias, este seminario verase sucedido o xoves 29 polo faladoiro Encontros por Europa, que terá lugar ás 11.00 horas na Casa das Campás. Aberto ao público, trátase dunha actividade orientada a coñecer “de que formas está presente a Unión Europea nos medios de comunicación”, que contará nesta xornada coa participación do xornalista da TVG, recentemente xubilado, Tino Santiago.