DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores de CC da Educación e do Deporte planifican o adestramento de Mauricio Ortega

Un dos mellores lanzadores de disco de América Latina prepárase no campus para os Xogos Olímpicos de París 2024 

Ao abeiro dun contrato de I+D co Laboratorio de Rendemento, Condición Física e Benestar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 17/04/2023

Natural da rexión de Urabá, Mauricio Ortega converteuse en Tokio en 2021 no primeiro lanzador de disco colombiano en acadar un diploma olímpico. Coa meta de tratar de repetir ou mesmo mellorar este logro nos xogos que se disputarán en París o vindeiro ano, este atleta residente en Pontevedra traballa na optimización da súa preparación e rendemento cos investigadores e investigadoras do Laboratorio de Rendemento, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. A través dun contrato de I+D, o laboratorio que coordina Óscar García leva a cabo unha serie de avaliacións do deportista colombiano, que permiten achegar unha serie de pautas e recomendacións ás diferentes fases do proceso de adestramento que Ortega leva a cabo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), baixo a dirección do cinco veces olímpico Frank Casañas. 

“É un deportista co que xa viñamos colaborando e ao que, afortunadamente, foille moi ben nos xogos de Tokio”, recoñece García, que explica que o traballo que desde decembro levan a cabo ao abeiro deste contrato de I+D ten como obxectivo determinar a “carga adecuada en cada período de adestramento”, co propósito de que Ortega alcance o seu pico de forma no verán, coincidindo co Mundial de Atletismo que se disputará en Budapest. Co propósito de “ter datos obxectivos que nos permitan dirixir o adestramento”, os integrantes deste laboratorio realizan de xeito periódico unha serie de “avaliacións exhaustivas” ao deportista, co propósito de coñecer a evolución que presentan unha serie de “parámetros de forza, potencia, mobilidade, ton muscular ou posibles asimetrías”, que permiten á súa vez determinar en que aspectos debe centrarse o traballo físico en cada ciclo de adestramento.

“Dentro do que é a súa preparación física, deseñamos todo o traballo de forza e potencia, liberando en parte a Frank, para que poida centrarse no traballo máis técnico”, salienta García. “Estamos tendo uns bos resultados”, recoñece o tamén decano da facultade da combinación do traballo de Casañas coas avaliacións que realizan na facultade tras cada “mesociclo, que é un período temporal no que traballamos cun obxectivo concreto” e un “seguimento exhaustivo da súa preparación física”, tarefas nas que conta tamén coa colaboración  dos investigadores da facultade Alba Cuba, Javier Carballo, Tania Álvarez, Ginés Martínez, Mario Iglesias e Virginia Serrano.

O primeiro reto, o mundial

Se ben o sétimo posto acadado os xogos de Tokio converteu a Ortega “no lanzador a bater en toda América do Sur”, recoñece García, as cousas non lle foron tan ben no mundial disputado o pasado ano nos Estados Unidos, no que rematou no posto 26. De aí que o primeiro gran reto no seu horizonte sexa o campionato que se disputará en agosto en Hungría. “É unha proba moi importante para el e a nosa idea é que, máis que finalista, intente estar na pelexa polas medallas. Logo conseguila ou non, depende xa de moitos factores”, salienta. 

“Non temos teito”, engade Casañas, pensando tanto no mundial deste verán como nos Xogos Olímpicos de 2024. “A idea é que tampouco baixe de ser finalista e intentar mellorar os resultados que obtivo en Tokio. Para iso é para o que estamos esforzándonos a diario”, engade. Nesa mesma liña, o propio Ortega incide en que o traballo ten como meta tratar de chegar o máis alto posible “en todas as competicións”. O obxectivo, engade, “é volver repetir todo o que se logrou en 2021 e incluso melloralo”. De feito, como explica García, se ben o actual proxecto de I+D estenderase ao longo de 2023, primeiro para axudar na súa preparación do mundial e logo para acometer “todo o traballo rexenerativo e de análise”, a idea é volver asinar un novo contrato o vindeiro ano e continuar co traballo ata os xogos.

"Unha bendición"

“Óscar xa participou no proceso para os Xogos Olímpicos de 2021 e a verdade é que axudoume moitísimo”, recoñece Ortega, que destaca o paso adiante que supuxo para el comezar a traballar con Casañas en 2017. “Agradezo a axuda de persoas como Óscar ou como Frank, que me están levando a descubrir cousas que non sabía”, destaca este lanzador, despois de anos nos que, recoñece, “por así dicilo, busqueime a vida”. De feito, lembra que pese a que comezou a practicar deporte moi novo “nun centro de iniciación deportiva”, a falta de continuidade levouno a “caer no que son as pandillas”, o que á súa vez derivou nunha serie de problemas que motivaron que súa nai decidise envíalo a Medellín. Foi alí onde, pese a que “ao principio non me querían, porque dentro do lanzamento, era alguén pequeno”, comezou a abrirse camiño nesta disciplina e acadar as súas primeiras medallas nos campionatos americanos.

A día de hoxe, Ortega define como “unha bendición” a axuda que lle brindan tanto o seu adestrador como os investigadores da UVigo, que lles están permitindo non só coñecer as súas principais potencialidades, senón tamén descubrir cuestións “que me teñen xogado unha mala pasada”, como o feito de que “sempre chegaba cansado á tempada de verán e nunca sabía porque”. Neste senso, García explica que Ortega “chegaba cunha fatiga excesiva ás competicións importantes, co cal o seu rendemento decaía”. Neste punto, tanto Ortega como Casañas poñen o foco no que o coordinador do Laboratorio de Rendemento, Condición Física e Benestar achega a planificación da preparación deste deportista. “É un piar importante”, recoñece o adestrador de orixe cubana, que acumula cinco participacións nos xogos e dous diplomas olímpicos na súa traxectoria como lanzador. “O que tratamos é de que o atleta avance, de evolucionar”, engade Casañas dun traballo que permite ir máis aló dunha planificación “estándar e adaptar o adestramento ás súas características”.