DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo HealthyFit da UVigo é un dos socios desta iniciativa

O proxecto ‘In Common Sports’, finalista dos premios europeos 'BeActive Awards'

Foi un dos tres seleccionados na categoría de deporte interxeracional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI Pontevedra 09/11/2023

Promovidos pola Comisión Europea, os premios BeActive Awards buscan recoñecer persoas e iniciativas centradas na promoción do deporte e a actividade física, como é o caso de In Common Sports, un proxecto que tiña como obxectivo profundar no coñecemento dos factores que motivan a práctica de exercicio físico entre as persoas maiores e que ten entre os seus socios ao grupo de investigación HealthyFit, da Universidade de Vigo. Coordinado pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira e financiado polo programa Erasmus+ Sport, In Common Sports converteuse nun dos doce finalistas destes galardóns europeos, aos que se presentaron máis dun centenar de candidaturas.

Concretamente, In Common Sports é un dos tres finalistas na categoría Across Borders, para proxectos que promoven o deporte interxeracional, destes galardóns, que se entregarán o 23 de novembro en Bruxelas. “A verdade é que ser un dos tres seleccionados foi unha sorpresa e alegría para todos os socios do proxecto, que reforza o traballo realizado e a implicación de cada un dos concellos nos que se desenvolveron os adestramentos semanais e as olimpíadas sénior”, salienta o investigador principal do grupo HealthyFit, o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela.

O proxecto seleccionado desenvolveuse entre 2018 e 2021 e tiña como socios, xunto á UVigo e á Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, ao Instituto Politécnico de Viana do Castelo, ao municipio italiano de Cesena, á asociación Zoldpont de Hungría e ao municipio búlgaro de Aksakovo, así como ao Concello de Sanxenxo. O seu propósito central era analizar os factores que motivan á poboación maior cara a práctica “de exercicio físico continuo”, como explica Cancela. Neste eido, o proxecto buscou constatar os beneficios que tiña nas e nos maiores a súa participación nas competicións deportivas da iniciativa Olympics4all, na que persoas de diferentes países participaron en torneos nos que competían en diferentes xogos adaptados a esta poboación. No caso de España, o proxecto levouse a cabo coas e cos participantes no programa de actividade física para maiores de Sanxenxo, cos que o grupo HealthyFit estudou tamén os efectos que tiña a preparación das competicións, tanto na adherencia cara o exercicio físico como no seu estado de saúde.

Un proxecto que tivo continuidade

In Common Sports “demostrou que a introdución da competición como factor motivacional, xunto coa socialización, foi un aspecto innovador e unha vantaxe para a promoción do deporte entre as persoas maiores e para aumentar o seu nivel de actividade física”, salienta Cancela. De feito, este proxecto daba continuidade á iniciativa Olympics4all, unha competición de deporte sénior que suma xa oito edicións. “O proxecto foi medrando co tempo”, lembra o investigador. Non en van, tivo como continuidade In Common Sports+. Fit, Food and Fun for Elderly, que mantén “a mesma filosofía de traballo” da iniciativa precedente, á que se suma un estudo da influencia da alimentación das e dos maiores. Nese senso, Cancela destaca a importancia que tivo para o grupo HealthyFit poder traballar durante estes seis anos nuns proxectos que “permitíronnos crecer como investigadores e coñecer a realidade de países que teñen políticas deportivas e sociais moi diferentes ás nosas”. 

Neste proxecto, que finaliza en decembro, enmarcouse a celebración o pasado mes de outubro, en Viana do Castelo, dunhas “olimpíadas de deporte sénior”, con participantes de dez municipios do norte de Portugal, de Cesena e de Sanxenxo. Este último municipio estivo representado por unha selección das preto de 180 persoas que toman parte no programa municipal de actividade física para maiores, coas que este xoves tivo lugar un encontro no que presentarlles a evolución do proxecto.