A Universidade de Vigo desenvolveu no ano 2008 preto dun millar de actividades de I+D+i por valor de once millóns de euros, dos cales 7,3 se corresponden a contratos con empresas, 2,2 a acordos con fundacións, asociacións sen ánimo de lucro e centros tecnolóxicos privados, entre outros, e 1,5 á administración pública. A cifra, segundo se reflicte na memoria de OTRI, supón un despegue de case un 9% con respecto ao ano anterior, cando a institución xa ingresara por este concepto algo máis de 10 millóns de euros.
No ano 2008 foron contratados para realizar algún tipo de actividade de I+D+i 38 departamentos, que representan o 73% do total da Universidade de Vigo. Algún deles, como o Departamento de Pintura, contratou por 1ª vez nesta anualidade.
O maior volume de facturación deste ano correspondeulle ao Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, con máis de 1,5 millóns de euros, seguido do de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmico e Fluídos (1,4), Enxeñaría Telemática (1,3), Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía (1,05) e Organización de Empresas e Marketing (1,04).
27/05/2009