A Constitución Española sinala que todos os españois son iguais ante a lei, sen que poida haber discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra circunstancia persoal ou social. Sen embargo, na práctica, o obxectivo da igualdade de xénero cúmprese con moita dificultade e o mundo académico tampouco é unha excepción. Co obxectivo de afondar nesta realidade no ámbito universitario e “aportar cifras concretas”, Alberto Vaquero, profesor de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, levou a cabo a investigación A igualdade de xénero na Universidade Española: logros acadados e retos futuros, proxecto financiado polo Vicerreitorado de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, a través da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas.
Á vista dos resultados, se ben xa se iniciou un proceso de cambio na universidade na busca da paridade, “aínda é necesario afondar na consecución da igualdade xa que existe unha importante discriminación xerárquica ou vertical,”, indica Vaquero.
25/05/2009