O campus de Ourense disporá o próximo ano dun parque medio ambiental froito do convenio de colaboración que este martes asinaron Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo e Francisco Rodríguez, alcalde da cidade. O proxecto, que se enmarca dentro das actuacións do plan Ourense, A Porta de Galicia, deseñado polo arquitecto Patxi Mangado, permitirá crear un espazo xerador de actividades ao aire libre e que servirá de motor da cidade, realzando ao tempo esa parte do campus.
O parque medio ambiental, denominado Xardín das Lagoas, contará cunha superficie duns 50.000 metros cadrados que, combinado co campo de fútbol-rugby e as pistas de atletismo, suporá un proxecto unificado e un conxunto de gran valor espacial e natural de aproximadamente 70.000 metros cadrados, sen que exista actualmente ningún referente desta magnitude na cidade.
30/06/2009