Quería facer o doutoramento en literatura nunha universidade española, pero polo camiño, descubriu o Máster en Estudos de Xénero, algo que non tiña constancia que existise pero que a atraeu desde o primeiro momento en que comezou a investigar os contidos deste posgrao. Falamos da estudante iraniana Mina Shayan, que chegou dende Teherán para especializarse en Vigo en cuestións de xénero.
Tras informarse destes estudos púxose en contacto coas directoras do curso, que se sorprenderon moito do seu caso e “agora, aquí me tes, plenamente dedicada a isto”, sorrí a estudante nun perfecto español, ao tempo que explica a súa situación, “é un posgrao que ten moita relación coa literatura, que é a miña especialidade, pero con moitos outros engadidos, que o enriquecen e o completan”.
12/01/2009