Máis de 300 estudantes de toda España, profesionais da comunicación, xefes de protocolo de diferentes organismos e decanos e docentes de varias universidades do país, asisten ás VIII Xornadas de Comunicación e Protocolo que organiza a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación baixo a dirección do profesor Fernando Ramos. Nesta oitava edición, os asistentes formaranse nunha disciplina en constante evolución e que os expertos xa a definen como a ferramenta clave para acadar o éxito de empresas e institucións. A inauguración do acto veu da man do decano do centro, Alberto Pena, o vicepresidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e o responsable do evento, Fernando Ramos, quen describiu ás xornadas como “a actividade da Universidade na que máis alumnos participan”, subliñou no seu discurso. Pola súa banda, o decano da facultade, Alberto Pena, amosou o seu orgullo por “acoller este curso que desde os seus comezos traspasou fronteiras, ofrecendo agora unha formación integral e de elevada calidade”, afirmou Pena.
21/05/2008