Selva, pantanos dificilmente transitables e bosques desfeitos pola man do home. Isto foi o que se atopou o investigador Enrique Valero na súa primeira visita á Amazonia peruana onde, baixo a súa dirección, o grupo de investigación AF4 do departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, realizará unha planificación territorial baseada no desenvolvemento sostible dunha plantación agroforestal. En total 1500 hectáreas anexas ao Parque Nacional da Cordilleira Azul nas que o profesor da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal traballará ata rematar o proxecto, no que se incluirán plantacións de cacao, delimitación de espazos protexidos e zonas de reforestación de algunhas especies xa extinguidas pola explotación furtiva como a caoba ou o cedro. Segundo explicou Valero, “é algo moi innovador e cada vez acada unha envergadura institucional maior. Ordenaremos un territorio respectando a estrutura da selva e aportando o cultivo de cacao de xeito sostible, como alternativa ao da coca, respectando os parámetros ambientais básicos do medio, en lugar de queimar todo para comezar unha plantación nova, como normalmente se fai e nestas zonas”.
02/10/2008